Arranca a proba estrela do deporte universitario galego

Pontevedra acolle hoxe e mañá o XXIII Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos
O fútbol promete ser unha das competicións con máis nivel. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O fútbol promete ser unha das competicións con máis nivel. (Foto: Nós Diario).

Un total de 35 equipos, integrados por máis de 500 alumnos e alumnas das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, toman parte desde o día de hoxe en Pontevedra na vixésimoterceira edición do Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, que se prolongará tamén durante xornada de mañá, sexta feira. 

Baixo a organización da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, cinco instalacións deportivas da Cidade do Lérez acollerán, de xeito simultáneo, as competicións masculinas e femininas de baloncesto, balonmán, fútbol, fútbol sala, rugbi 7 e voleibol.

Coa excepción do balonmán feminino, no que se medirán só os equipos de Vigo e Compostela, todas as demais competicións serán triangulares entre as representantes das tres institucións académicas.

"Nalgúns dos casos -segundo explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, Gustavo Loureiro- trátase de seleccións creadas para esta competición, mentres que noutros compiten as gañadoras das ligas internas".

As persoas interesadas en acudir como público ás distintas competencias deportivas deben ter en conta que os encontros comezarán a partir das 10 horas da mañá de hoxe, e que os de baloncesto disputaranse no Pavillón Universitario; os de balonmán, no Pavillón Municipal de Deportes; os de fútbol, nos campos da Xunqueira; os de rugby, en Monteporreiro; e os de fútbol sala e voleibol, no Pavillón Multiusos da Xunqueira. 

O torneo pecharase mañá ás 18 horas da tarde coa clásica entrega de trofeos nas diferentes instalacións, dando así por concluído un campinato concibido como unha xornada "de deporte e convivencia" entre o estudantado das tres universidades galegas.

Neste Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos decidiranse, ademais, os e as representantes da Galiza na fase final do Campionato de España Universitario, pois este ano non se levará a cabo o tradicional torneo interautonómico previo.

Non obstante, "a decisión final sobre a participación dos distintos equipos sempre dependerá dos requisitos que determine cada institución académica galega", conclúe Gustavo Loureiro.

Comentarios