O Arousa Fútbol 7 volve ao Salnés con novidades tecnolóxicas na fase previa

A iniciativa deportiva de base naceu en 1996 e nesta edición contará con 1.250 participantes esta edición.
O encontro so ED Barbadas- Navarro CF da primeira xornada realizado no campo municipal da Senra, en Ribadumia, O Salnés (Foto: AF7).
photo_camera O encontro so ED Barbadas- Navarro CF da primeira xornada realizado no campo municipal da Senra, en Ribadumia, O Salnés. (Foto: AF7)

Volve, outro ano máis, o torneo Arousa Fútbol 7 (AF7) a Ribadumia, no Salnés. A iniciativa, que ten como protagonista a categoría  alevín e que comezou un grupo de persoas en 1996, xa está consolidada e busca medrar aproveitando as novas tecnoloxías e o crecente interese por formatos que se afastan das competicións oficiais. 

Para esta edición, a organización repite fase previa, desde esta quinta feira e até o 9 de abril, na que 80 equipos da Galiza, Portugal, Asturias e Castela e León mediranse entre si para quedar entre os catro clasificados e poder acceder á fase final que terá lugar  do 26 ao 28 de maio. Serán 188 partidos nos que participarán 1.250 deportistas, todo un reto para a organización do evento. 

Innovacións tecnolóxicas

A Fase Previa do AF7 contará este ano coa colaboración de empresas punteiras na posta en marcha de servizos que melloran o rendemento deportivo e a análise de datos que xerarán os novos futbolistas.

En asociación con Sports Data Innovation, os participantes poderán obter os datos que xera o seu desempeño sobre o campo. Mediante un seguimento individualizado grazas a dispositivos GPS, os deportistas terán á súa disposición datos como os tempos de actividade, distancia percorrida, velocidade máxima, sprints, aceleracións e desaceleracións, mapa de calor xerada e interaccións co balón (golpes de balón, forza de xute e distancia percorrida co balón).

É o mesmo servizo e cos mesmos colaboradores que a recentemente estreada Kings League. Ademais, gravaranse os partidos que se xoguen, máis 100 horas, que estarán a disposición dos clubs que compitan.

Un proxecto internacional

O portavoz da organización, Alberto Diz, lembra a Nós Diario como naceu en 1996 un proxecto “humilde, dunha soa tarde e nun campo de terra no que había seis equipos”. Daquela non existían moitos torneos de fútbol base e a proposta callou nos clubs locais. “A idea procuraba ir máis alá do deporte e darlle importancia á convivencia e á educación”, explica Diz.

Anos despois, coa arela de traer equipos internacionais, o AF7 medrou en número e deseñou un sistema para atraer clubs como o Barcelona, Real Madrid ou Porto sen fechar as portas aos clubs galegos. “En 2002 realízase a primeira fase previa para peneirar a participación galega e que os mellores xogasen contra as escolas de magaelite mundial do fútbol”, relata o portavoz da organización. 

A partir de 2004 sumáronse novos equipos de renome internacional e polo torneo pasaron clubs como o River Plate, o Bayer Leverkusen, o Ajax, o Borussia Dortmund ou o Tottenham, entre outros. Cos anos tamén algunhas promesas que pasaron polo AF7 consagráronse no fútbol profesional, como é o caso de Iago Aspas, Ansu Fati, Ferrán Torres, Bernardo Silva, Sergio Álvarez, Dani Carvajal ou Sergio Canales.

"É un histórico de participantes descomunal", admite Diz, "na final do Mundial había tres que xogaron este torneo", engade. O orgullo da organización é conseguir que se teña en conta e valorice no fútbol e no deporte en xeral "unha categoría como esta máis alá dos torneos nos que participan idades diferentes". 

Comentarios