Arizmendi ficha polo Dépor e as redes recuperan o 'caso Salva Ballesta'

O dianteiro madrileño, que tiña contrato co Getafe, paseou en 2005 unha bandeira española franquista para celebrar a medalla de ouro de España nos Xogos do Mediterráneo. Hai uns meses, Salva Ballesta, recoñecido personaxe de extrema-dereita, non recalou no Celta tras un amplo rexeitamento do celtismo

O dianteiro madrileño Javier Arizmendi ficha polo Deportivo da Coruña, club no que xa militara no 2006/07 xogando medio cento de partidos e marcando 7 goles. Mais o debate nas redes sociais, máis que centrarse no que pode achegar ao equipo ou se rendería máis como extremo, lateral ou mediapunta; céntranse no desembarco dun xogador ao que se ten situado na extrema-dereita.

Arizmendi celebrou a medalla de ouro da selección española nos Xogos do Mediterráneo ondeando e paseando polo estadio unha bandeira española coa aguia franquista. Aquelo foi en 2005. Unha imaxe que saíu reflectida en numerosos medios de comunicación, mesmo a nivel internacional. En non poucos blogs e páxinas de deportes sitúaselle na extrema-dereita. E aí onde se lembra que na temporada 2006/07, na que xogaba no Depor, celebrou un dos seus goles alzando o brazo coa man estendida, ao xeito romano e fascista.

Precedente Salva

Salva Ballesta estivo a piques de desembarcar no Celta de Vigo hai uns meses, como segundo adestrador. Mais non chegou a pisar Balaídos. As súas declaradas e reiteradas filias fascistas e españolistas, o seu apoio ao golpista Tejero e os seus desprezos aos pobos con identidade propia que hai no Estado xeraron unha vaga de rexeitamento e indignación do celtismo nas redes sociais (e non só aí).

O Celta, finalmente, non fichou a Salva, alegando que non o consideraba axeitado para o equipo celeste. Desde certos medios madrileños (deportivos e non deportivos) criticouse con dureza o Celta, ao que se apuxo a 'coletilla' de anti-español e á súa afección de “galleguistas radicales” (sic).
 

Comentarios