DEPORTES

Arévalo e Germade, rumbo ao metal

Arévalo e Germade, rumbo ao metal

Haberá quen cuestione a súa relevancia, por tratarse dunha proba de nova creación, pero un récord olímpico como o asinado polos galegos Carlos Arévalo e Rodrigo Germade (xunto con Marcus Walz e Saúl Craviotto) ten sempre un mérito innegábel, e máis cando reafirma o seu favoritismo na loita polas medallas.
Carlos Arévalo, co seu compañeiro Saúl Craviotto (Foto: EP).
photo_camera Carlos Arévalo, co seu compañeiro Saúl Craviotto (Foto: EP).

Os Xogos Olímpicos de Toquio chegan á súa fin esta fin de semana, e na recta final Galiza apura as súas tres últimas opcións de medalla, que poden unirse ás xa conseguidas por Teresa Portela (prata), Ana Peleteiro (bronce) e Nico Rodríguez (bronce).

Unha delas está garantida. Pase o que pase na final de fútbol masculina, o porteiro do Celta Iván Villar regresará do Xapón cun metal colgado no seu pescozo, a falta de determinar se será de ouro ou de prata na final que disputarán Brasil e España este sábado, 7 de agosto, a partir das 13 horas. Lamentabelmente, leva á sombra de Unai Simón durante todo o torneo, e só unha desafortunada lesión -ou unha expulsión- do meta vasco permitiríalle saltar ao terreo de xogo.

Outra podería chegar grazas a outro porteiro, neste caso de balonmán. Logo de caer nas semifinais ante Dinamarca, Rodrigo Corrales e o resto dos seus compañeiros do combinado Estatal teñen a oportunidade de resarcirse e non volver da capital nipoa coas mans vacías nun choque ante Exipto (este sábado, 10 horas) co premio do bronce en xogo.

E, finalmente, recomendámoslle que este sábado entre en Nós Diario para saber se Carlos Arévalo e Rodrigo Germade conseguiron subir ao podio na proba do K4 500, pois as semifinais están previstas para as 3.28 horas desta madrugada e a hipotética final ás 5.37.

As sensacións non poderían ser mellores, pois o dúo galego -acompañado do catalán Saúl Craviotto e o balear Marcus Walz- rachou na rolda previa co vixente récord olímpico, estabelecido na serie anterior polos alemáns, pois o K4 500 é unha categoría de nova creación, o que non lle resta un ápice de mérito á fazaña de ser quen de inscribir os seus nomes nos libros dunha historia olímpica que está a piques de fechar o accidentado capítulo de Toquio 2020.

A conclusión da proba nipoa chegará este sábado, 7 de agosto, ás 13 horas, cunha cerimonia de clausura que abrirá a conta atrás para uns Xogos de París 2024 nos que o único obxectivo é a recuperación da perdida normalidade.

comentarios