Ares pon o ramo a unha tempada de ouro conquistando para Galiza unha nova praza na elite

A campioa da Liga Galega de Traiñeiras logrou, canda Ondarroa, o ascenso á ACT, aumentando a tres embarcacións a representación galega na máxima división do banco fixo.

ares traiñeira
photo_camera arestraiñeira

O Club de Remo Ares vén de poñer o ramo a unha tempada impresionante. Un mérito xigantesco para unha traiñeira que non figuraba nas principais quinielas de hai meses e que se construíu con modestia en torno á canteira. Conquistou a Liga Galega de Traiñeiras, impóndose a Meira, a favorita a priori, e agora vén de meter no peto o ascenso á elite do remo, a Liga ACT ou San Miguel. Un paso ao alcance de moi poucos.

ares traiñeiraAres e Ondarroa conquistaron as dúas prazas de ascenso, ocupando as que deixan Zumaia e Portugalete, que descenden. Os de Ares recoñecían, antes do 'play off', que decorreu esta fin de semana, que non estaban entre os favoritos mais que iso non impedía que fosen a dalo todo. Un compromiso que se traducíu en que foron quen de atinxir o ascenso.

Deste xeito, a ACT volverá contar con 3 traiñeiras galegas entre as 12 participantes. Os de Ares acompañarán a Tirán (que finalizou sexta esta tempada) e Cabo da Cruz (oitava). Todo un reto para os de Ares, conscientes de que o chimpo á ACT supón unha exixencia económica e deportiva máxima.

Após a fazaña conseguida en augas vascas, a tripulación de traiñeira de Ares tivo un recebemento por todo o alto na vila. Noraboa Campións, a faixa que resumía o sentir nesta vila mariñeira de comarca de Ferrol.

Comentarios