Ares pelexará por ampliar a representación galega na elite das traiñeiras

A campioa da Liga Galega desputará o 17 e 18 de setembro o 'play-off' de ascenso á ACT coas vascas Portugalete, Ondarroa e Donosti

Traiñeira Ares LGT
photo_camera Traiñeira de Ares

A traiñeira de Ares, campioa da Liga Galega-A, será quen represente Galiza nos 'play-off' de ascenso á Liga San Miguel ou ACT, a elite do remo en banco fixo. Catro embarcacións pelexarán por dous postos nesa clasificatoria, proba que decorrerá o 18 e 19 de setembro e na que, ademais de Ares, competirán as embarcacións vascas de Portugalete, Ondarroa e Donosti. Na actualidade hai 2 representantes de Galiza na máxima categoría, Tirán e Cabo de Cruz. Ares aspira a completar a representación cunha terceira traiñeira galega, algo que xa aconteceu no pasado, con Meira competindo na ACT canda Cabo e Tirán. De feito, Samertolameu de Meira, que finalizou segunda na Liga Galega, renunciou a participar na fase de ascenso á ACT, unha decisión que tamén adoptou a traiñeira de A Pobra, que tiña opción a participar ao renunciar Meira.

Con esta participación Ares pon o ramo a unha tempada histórica, coa conquista da Liga Galega de Traiñeiras A, impóndose a Meira, que partía como a gran favorita. Na Liga Galega B foi Rianxo quen se fixo coa vitoria, impóndose a Cabo B (Náutico de Boiro), que partía como a favorita. Cabo foi quen ergueu a bandeira na categoría feminina.

Por outra parte, a representante galega na Concha, Tirán, finalizou sétima na pfrimeira xornada desta mítica bandeira. Urbaibai foi a triunfadora, con 2 puntos de ventaxe sobre Hondarribia, o que mantén os remos en alto de cara á segunda e última xornada da Concha. 

Comentarios