O dos árbitros xa cheira

Na véspera do Almería-Celta o mallorquinista Jaume Costa facía crítica aos árbitros exixíndolles "respecto" para os futbolistas, acusándoos de "dicir cousas que enervan os xogadores". 24 horas máis tarde Del Cerro Grande culpaba Gabri Veiga dunha agresión inexistente, facilitando así unha remontada andaluza.
Del Cerro Grande expulsou inxustamente Gabri Veiga e os celestes acabaron perdendo 3-1 co Almería. (Foto: La Liga).
photo_camera Del Cerro Grande expulsou inxustamente Gabri Veiga e os celestes acabaron perdendo 3-1 co Almería. (Foto: La Liga).

Funcionario. Industrial. Empregado de banca. Empregado de augas. Médico. Son as profesións coas que os árbitros Prados García, López Nieto, o galego Puentes Leira, Andújar Oliver ou Ansuátegui Roca gañaban a vida na época de gloria da Liga, a década dos 90.

Eles tiñan a escusa de non ser profesionais para os seus erros, ademais da de non contar cunha serie de avances tecnolóxicos, entre os que destaca o VAR, que facilita en extremo o labor duns colexiados actuais que se dedican exclusivamente á arbitraxe, tarefa pola que perciben un salario que entre fixos e variábeis pode alcanzar os 300.000 euros anuais, que os sitúan como un dos colectivos máis privilexiados do Estado -só 0,53% das persoas declaran percibir máis de 150.000 euros-, cifra por enriba incluso do que gaña -oficialmente- Filipe VI, que cobrará 258.927 neste ano 2022. 

Os árbitros poden percibir até 300.000 euros anuais

E, con todo, sobre o céspede non demostran ser mellores que os seus homólogos de hai 25 ou 30 anos, como evidenciou Del Cerro Grande no recente Almería-Celta. O equipo celeste, que comezara o partido adiantándose no marcador cun golazo de Gabri Veiga desde fóra da área, asistiu impotente á expulsión inxustificada do canteirán, que pisou un rival de forma claramente involuntaria, pero o árbitro madrileño decidiu expulsalo -a pesar de consultar o VAR- por advertir "intencionalidade" e "forza excesiva" na acción. 

A marcha do campo de Gabri Veiga, entre bágoas de carraxe,  foi como un torpedo directamente lanzado sobre a estratexia dun Celta que acabou perdendo por 3 a 1 e xa dorme con só un punto de vantaxe sobre o descenso.

Porén, o técnico olívico, Eduardo Coudet, tivo a súa cota de culpa no afundimento celeste, pois volveu pecar dun dos defectos que máis se lle están a achacar, un excesivo conservadorismo manifestado na substitución de Strand Larsen -dianteiro- por Renato Tapia -mediocentro defensivo-.

Comentarios