EUROCOPA

A arbitraxe na Eurocopa: máis tecnoloxía para menos polémicas e un maior tempo de xogo

Analizamos as novidades da competición coa axuda do colexiado Uxío Caamaño, 'Mr. Asubío'.
Michael Oliver (sobre estas liñas) será un dos dous representantes de Inglaterra na Eurocopa 2024. (Foto: FA).
photo_camera Michael Oliver (sobre estas liñas) será un dos dous representantes de Inglaterra na Eurocopa 2024. (Foto: FA).

"O fútbol é un xogo simple, 22 homes perseguen unha pelota durante 90 minutos e, ao final, sempre gaña Alemaña". A frase, acuñada polo dianteiro internacional inglés dos anos 80 Gary Lineker, deixa fóra da ecuación unha persoa que tamén corre sobre o céspede xunto cos xogadores e que, en última instancia, soporta a mesma ou ás veces maior presión que eles: o árbitro.

Así, nesta Eurocopa de 2024 que comezará esta sexta feira en Alemaña participarán 18 colexiados, cifra que aumenta até os 88 contando asistentes, cuartos árbitros e membros do VAR.

Precisamente sobre esta última ferramenta, no centro da polémica por unha parte non pequena da afección por considerar que o seu abuso interrompe o ritmo do xogo, a UEFA sinalou que representará unha "mínima interferencia para o máximo beneficio" no torneo continental.

O colexiado galego Uxío Caamaño, máis coñecido nas redes sociais polo alcume de 'Mr. Asubío', sinala para Nós Diario que o VAR entrará en acción "bastante menos que na liga española, só en erros claros, obvios e manifestos".

"Non veremos tantas interrupcións, tamén porque os ciclos de amoestacións serán só de dous cartóns amarelos e os futbolistas terán máis medo a perderse partidos nunha competición tan curta, non se arriscarán a ser castigados, por exemplo, protestando ou simulando".

Neste sentido, só os capitáns estarán autorizados a dirixirse ao colexiado, baixo pena de tarxeta amarela a quen o faga -ademais, no caso de que o capitán sexa o porteiro, o equipo deberá designar un compañeiro para exercer esa función ante feitos acontecidos lonxe da súa meta-, o que, explica Mr. Asubío, "é unha medida pedagóxica, non destinada a sancionar a todo aquel que se aproxime ao árbitro".

Outras novidades con respecto ao que se pode ver no día a día das competicións estatais é a coñecida como tecnoloxía de gol -que a través dun sistema de cámaras servirá para aclarar eses 'tantos pantasma' que tanto dan que falar- e o coñecido como 'fóra de xogo semiautomático', o cal grazas a un balón intelixente cun chip "que transferirá información ao VAR e informará de cando e quen o toca" axudará a unha toma áxil e eficiente de decisións.

Comentarios