Iolanda Parga será asistente

Unha árbitra galega, na final do Mundial Feminino de Fútbol

A FIFA designou a árbitra coruñesa Iolanda Parga como asistente para a final do Mundial de Fútbol Feminino, un encontro que se disputará esta madrugada en Vancouver.

[Imaxe: RFEF] Iolanda Parga, como asistente nun partido
photo_camera [Imaxe: RFEF] Iolanda Parga, como asistente nun partido

Por vez primeira, unha árbitra galega, a coruñesa Iolanda Parga, participará como asistente na final do Mundial Feminino de Fútbol. Así o decidiu a FIFA ao facer oficial o equipo arbitral para o derradeiro partido da competición, que se disputará en Vancouver entre os EUA e o Xapón (á 1h da madrugada do domingo ao luns). A árbitra será  a ucraína Kateryna Monzul, á que asistirán a tamén ucraína Natalia Rachynska e a galega Iolanda Parga e como cuarta árbitra, a uruguaia Claudia Umpiérrez.


Anteriormente, a árbitra coruñesa, de 36 anos, xa participara en tres encontros deste Mundial (Australia-Nixeira, o Ecuador-o Xapón e os EUA-Colombia) e, anteriormente, nos Xogos Olímpicos de Londres e no Mundial Sub-20. A súa elección como asistente na final supón todo un recoñecemento á súa traxectoria e supón, en termos absolutos, o maior éxito da arbitraxe galega no fútbol.


A ourensá Zulema González ascende a Terceira División como árbitra principal e a lucense Tania Fente ascende a Segunda B como árbitra asistente


A participación de Iolanda Parga na final do Mundial non é a única noticia positiva para as árbitras galegas, pois o Comité Técnico de Árbitros vén de decidir que a ourensá Zulema González ascenda á Terceira División. Converterase, deste xeito, na primeira árbitra galega en pitar nesta categoría.


Ademais, a árbitra de Lugo Tania Fente ascende, como asistente, a 2ªB, un fito que só antes conseguira Iolanda Parga.

Comentarios