Araceli Bugallo gaña dúas medallas para o esgrima compostelán

A cambadesa participou no EVF Epee Circuit 2023 de Santander (Cantabria) e no Torneo Liga Máster-Aeve da Federación Española de Esgrima. Alberto Rodríguez leva o bronce estatal. 
A cambadesa Araceli Bugallo, no centro, co ouro estatal (Foto: Nós Diario).
photo_camera A cambadesa Araceli Bugallo, no centro, co ouro estatal (Foto: Nós Diario).

A deportista do Compostela Esgrima, Araceli Bugallo, conseguiu dobrar podio estes días ao entrar nos tres mellores postos no europeo e levar, ademais, un ouro estatal.

A cambadesa participou no EVF Epee Circuit 2023 de Santander (Cantabria), unha clasificación do circuíto europeo, e no Torneo Liga Máster-Aeve, da Federación Española de Esgrima.

Nas mesmas competicións estiveron Alberto Rodríguez, noveno europeo e bronce estatal en sabre, igual que o seu compañeiro Adrián Penido en espada. 

No Europeo, Bugallo, tras chegar ás semifinais, caeu contra a gañadora, a belga Natalie Vandewalle, por cinco a dez.

Tras pasar na rolda de grupos (poules) con tres vitorias e unha soa derrota, entrou directamente ao taboleiro de dezaseis co número catro, vencendo á española Marta Varela por dez a cinco.

Pasou así ao taboleiro de oito contra Nuria Tébar á que tamén venceu, esta vez por dez a catro, meténdose así nas semifinais.

A final decorreu contra Macarena Valera, do Club Tres Cantos de Madrid, cunha vantaxe final de dez a oito que lle deu acceso ao primeiro posto e ouro. 

Comentarios