O Aquático Pacense fica primeiro na luso-galaica de Wáter-polo

Fechouse a primeira fase do torneo coa vitoria do equipo portugués. O torneo feminino contará coa participación do CW Pontevedra.
O CW Pontevedra e o CW Coruña Rías Altas en Felgueiras, Portugal (Nós Diario).
photo_camera O CW Pontevedra e o CW Coruña Rías Altas en Felgueiras, Portugal (Foto: Nós Diario).

O inicio da colaboración entre a Galiza e Portugal en wáter-polo comezou con boas sensacións co I Torneo Masculino Luso-Galaico, realizado esta pasada fin de semana na Piscina Municipal de Felgueiras (Portugal), entre equipos da Associação de Natação do Norte de Portugal e a Federación Galega de Natación.

O torneo, pensado en dúas xornadas, promete ser xerador dunha maior promoción do wáter-polo na Galiza.

Nesta primeira ocasión, realizada esta pasada fin de semana, non puideron competir todos os equipos por diferentes motivos, polo que en total foron seis os clubs participantes (catro de Portugal e dous da Galiza).

Ao remate da primeira fase, e á espera da fase final que terá lugar no mes de xullo de 2022, a vitoria provisional foi para o Clube Aquático Pacense. 

Torneo feminino co CW Pontevedra

Para a vindeira semana agárdase a quenda do torneo feminino, onde nesta ocasión a Galiza contará só coa participación do Club Wáter-polo Pontevedra. Desde a Federación Galega de Natación sinalaron nun comunicado que "nun futuro, seguro que se unirán máis clubs". 

O propio organismo deportivo galego quixo "agradecer á Associação de Natação do Norte de Portugal o trato recibido, e en especial o detalle que tiveron gardando un minuto de silencio polo tráxico accidente que tivo unha consecuencia fatal para un deportista da nosa comunidade, Adrián García Pereira".

Adrián era waterpolista e empezou a xogar na Asociación Coruñesa de Wáter-polo no 2010 até o 2016 cando decidiu xogar no C.N. A Coruña, equipo co que  competiu no campionato de España Cadete. 

Valdés e Otero convocadas

Tamén en natación, a Federación informou que María de Valdés (CN Liceo) e Paula Otero (CN Arteixo) están convocadas para participar co equipo estatal absoluto de natación do 4 ao 16 de outubro en Tenerife. Para esas datas tamén está convocada a adestradora galega Luisa Domínguez.

Comentarios