DEPORTES

Após o triunfo do Lugo en Tenerife, Celta e Dépor procuran este domingo a súa primeira vitoria na casa

Após o triunfo do Lugo en Tenerife, Celta e Dépor procuran este domingo a súa primeira vitoria na casa

O Lugo fixo os deberes en Tenerife. Soubo sufrir na primeira metade e, na segunda, amosou o cairo goleador. Xa ten 10 pontos, un extraordinario arranque de campionato. Hoxe, Celta e Dépor procurarán sumar a súa primeira vitoria na casa.

Lugo
photo_camera O once do Lugo posa antes dun xogo

O Lugo ten argumentos máis que suficientes para se manexar sen arfar de máis na segunda categoría do fútebol estatal. Este sábado, en Tenerife, mostrou un bon feixe deles. Ten un garda-redes solvente, o galego Dani Mallo, unha defensa que non adoita perder a posición doadamente e puñais arriba, deses que furan a baliza contraria se alguén lles subministra balóns decentes. Alguén como o distribuidor coruñés Pita, pretendido este verán polo Deportivo de Fernando Vázquez.

Este sábado faltou Rennella á súa cita co gol: sen problemas, alí estaba, para o substituír Sandaza. Un gol seu ao fío do minuto 72 bastou para resolver a cuestión e para que a equipa de Setién, que na xornada anterior cedera os 3 pontos no Anxo Carro face o Girona, voltase a sumar un novo trunfo -gañara en Zaragoza- nun desprazamento en teoría nada fácil.

17 horas: Celta-Villarreal

Hoxe chega a quenda de Celta e Dépor. O representante galego na máxima categoría do fútebol estatal, a equipa que adestra Luis Enrique, recebe ás 17 horas en Balaídos ao Villarreal, unha das equipas máis en forma do campionato (leva 10 pontos e deu freado no seu campo ao Real Madrid de Ronaldo e Bale, co que empatou a 2 goles).

O Celta está a realizar un bon comezo de campionato e a impresión xeral é que Luis Enrique está a aterrar no vestiario celeste con moi bon pé. Só falta unha vitoria en Balaídos para levar a tranquilidade ás bancadas. Para fortuna dos vigueses si será da partida, e con claras opcións de xogar, o dinamarqués Krhon Dehli, futbolista básico para Luis Enrique.

Para este xogo, Luis Enrique convocou os seguintes futbolistas: Yoel, Sergio, Mallo, Fontàs, Oubiña, Álex, Nolito, Charles, Rafinha, Orellana, Aurtenetxe, Jonny, Toni, Cabral, Krhon, Augusto, Mina e Costas.

18.15: Dépor-Alcorcón

75 minutos depois de que a bola circule sobre o relvado de Balaídos, o Dépor comezará o seu encontro co Alcorcón, unha das equipas máis potentes na Segunda División. Os galegos sinxelamente non poden fallar. Até o de agora, 180 minutos de xogo disputados en Riazor, non é só que o Dépor non sumase ningún punto, é que tampouco chegou a facer gol.

Non sería de estrañar que hoxe Fernando ensaiase cousas novas. Talvez aposte nunha equipa coas liñas algo máis xuntas, con menos presión arriba, máis nunha actitude de a velas vir. O problema é que o Alcorcón virá a facer o seu partido, como fixeron Córdoba e Murcia. Isto é, 10 homes por detrás do balón e a engruñar espazos para facer a vida imposíbel a JuanDo e cia.

A grande novidade na convocatoria branquiazul é Marchena, un futbolista que, se as lesións o respeitaren, está chamado a ser fundamental na equipa de Fernando. Entra tamén na listaxe Teles, un xogador portugués formado na fábrica de Abegondo que se distingue pola súa calidade técnica.

Foron convocados para este encontro: Lux, Fabricio, Seoane, Teles, Bicho, Luis, Arizmendi, Borja, Culio, Juan Carlos, Rudy, Bergantiños, Juan Domínguez, Insua, Wilk, Manuel Pablo e Laure.

comentarios