Aos oitavos vía goleada irredenta: O combinado español esmaga Eslovaquia pero segue sen convencer

O desastre queda adiado... por agora. A selección española, moi criticada polas súas actuacións dentro e fóra do terreo de xogo, clasificouse para os oitavos de final após vencer Eslovaquia por 5-0, aínda que continúa transmitindo a impresión de estar por debaixo dos grandes favoritos.
Os xogadores interpretaron o contundente triunfo como un exercicio de reivindicación colectiva do seu grupo. (Foto: Europa Pres).
photo_camera Os xogadores interpretaron o contundente triunfo como un exercicio de reivindicación colectiva do seu grupo. (Foto: Europa Pres).

O fútbol é un deporte tan grande que é compatíbel gañar un partido por 5-0 e non convencer, porque a goleada coa que a selección española esmagou á eslovaca e conseguiu a clasificación para os oitavos de final, a pesar dos 'olé' cos que o público festexou no tramo final do partido, non foi acompañada da solidez e a confianza que irradian os grandes favoritos do torneo.

Comezou o combinado dirixido por Luis Enrique dominando, aínda que sen materializar en tiros a porta, até que no minuto 11 Hromada derruba Koke dentro da área e o colexiado sinala penalti após consultar o VAR.

Logo do seu fallo ante Polonia, Gerard Moreno, cedeu o balón ao sinalado Álvaro Morata, que transmutado nunha sorte de rei Midas á inversa, pateou ás mans do arqueiro eslovaco e multiplicou o ruxe-ruxe nas bancadas dunha Cartuja que se temía o peor.

Ante este escenario, os de Luis Enrique comezaron a ensaiar unha arte que non practicaran en todo o torneo: o disparo desde fóra da área, atopando recompensa nun tiro de Sarabia que un desorientado Hromada introducía na súa propia portería no 29.

Con 1-0 no marcador os eslovacos trataron de adiantar liñas, pero o partido seguiu na mesma tónica e ao fío do descanso o aquitano Aymeric Laporte estabeleceu o 2-0 valéndose do seu 1,91 de altura na área rival.

A segunda metade comezou igual que rematou a primeira, con gol de España, anotado por un Sarabia que acababa de entrar no terreo de xogo, mesma situación que viviu Pau Torres co cuarto tanto, que parecía o definitivo até que Dubravka metía o segundo gol eslovaco na súa propia portería.

Forsberg anota o gol máis rápido da Eurocopa

O outro partido do Grupo E, Suecia-Polonia, finalizou cun triunfo favorábel aos suecos por tres tanto a dous e, alén do resultado, deixou unha marca para a historia do torneo, pois Emil Forsberg anotou ao minuto e 22 segundos de xogo o segundo tanto máis rápido na historia da Eurocopa, só superado polo 1.07 que tardou o ruso Dmitri Kirichenko no 2004.

Comentarios