Antonis Koniaris chega ao Obradoiro para "ser un líder"

O grego competirá co veterano Oliver no posto de base
Acto de presentación da nova fichaxe do conxunto compostelano. (Foto: Obradoiro).
photo_camera Acto de presentación da nova fichaxe do conxunto compostelano. (Foto: Obradoiro).

O Monbus Obradoiro presentou oficialmente ante os medios Antonis Koniaris, un base de 1,96 metros e 23 anos que só leva un partido disputado durante esta campaña debido a que o seu club de procedencia, o Olympiakos grego, tan só participa na Euroliga e non xoga competición doméstica.

A flamante fichaxe do único representante galego na máxima categoría do baloncesto estatal conseguiu a cesión de Koniaris até a final da presente tempada co obxectivo de ofrecer a Moncho Fernández unha alternativa na posición de base, pois actualmente o único xogador dispoñíbel nesa demarcación é o veteranísimo Albert Oliver, de 42 anos.

Fernández tratará de recuperar a mellor versión dun profesional que na pasada campaña saltou á pista en 23 ocasións, rexistrando unhas medias de 3,4 puntos, 41,7% en triplos e 1,4 asistencias en 12,9 minutos por partido.

O director Xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, valorou a fichaxe detallando que "debido aos problemas de lesións que se acumularon nos xogadores que conforman a dirección do equipo -Ozmizrak, Pozas e García-, e ante o calendario cargado de partidos que temos por diante, reforzamos o posto cun home novo pero con experiencia no máximo nivel europeo, e que conta cunhas condicións físicas que o capacitan para ser un gran defensor".

O base destacou que "todo o mundo foi moi bo" con el, contribuíndo á súa adaptación "o máis rápido posíbel". " Percibo que hai un grande ambiente no equipo, e o primeiro que quero facer é dar as grazas ao club por traerme, pois xogar aquí é unha grande oportunidade, poder facelo nunha das mellores ligas de Europa... iso é un reto enorme para min e estou moi feliz", engadiu.

Sobre o contraste co campionato grego, Antonis explicou que ten previsto facer "un esforzo aínda maior por aprender tantas cousas novas para min, pois sei que aquí se xoga un baloncesto diferente, moito máis rápido, así que terei que saír da miña zona de confort para demostrar que podo estar nesta Liga".

"Moncho pediume que compita ao meu máximo nivel e dea o mellor de min. Quere que sexa un líder, non sendo o que máis anota ou o que máis éxito individual teña, senón axudando a que todos vaiamos na dirección correcta", concluíu o base grego.

Comentarios