Antiviolencia propón o feche parcial do Benito Villamarín polos cánticos machistas

A comisión amosou o seu "rexeitamento máis absoluto" polas cancións escoitadas nos últimos dous encontros do Betis e instou a RFEF a fechar o campo "de forma parcial". 

Após máis de dúas semanas da primeira ocasión en que os 'Supporters Gol Sur' --ultras do Betis-- corearon retrousos en apoio a Rubén Castro, procesado por un violencia machista, a comisión antiviolencia --dependente da Comisión estatal contra a violencia, o racismo e a intolerancia no deporte-- acordou esta cuarta feira (25 de febreiro) amosar o seu "rexeitamento máis absoluto a comportamentos nun estadio de fútbol que xustifican a violencia machista". 

Antiviolencia referiuse así aos cánticos que apoiaban o deportista e batían contra a súa ex-compañeira após esta denunciar ter sido agredida --mesmo sexualmente-- por Castro. «Rubén Castro alé, Ruben Castro alé, no fue tu culpa, era una puta, lo hiciste bien», resoou no Villamarín contra o Girona (21 de febreiro) e no encontro contra o Ponferradina no Toralín (9 de febreiro). 

Antiviolencia presentará unha denuncia perante a Fiscalía ao considerar que os cánticos poden ser "constitutivos de delito"

Neste senso, a comisión propuxo á RFEF o fechamento parcial do campo de fútbol a modo de sanción e de acordo co fixado no Regulamento interno e Código disciplinario deste organismo. "Tales condutas de siareiros son merecedoras de condeas tanto a nivel individual de quen as realiza como do clube respecto de quen son seguidores". 

Aliás, solicita ao Betis que achegue todas as probas que consiga recompilar a respeito dos responsábeis dos cánticos --unha investigación en curso tamén por parte da oficina de deportes da Policía española. O obxectivo de antiviolencia é denunciar perante a Fiscalía uns feitos que, din, poderían ser "constitutivos de delicto". 

A decisión de antiviolencia devén da denuncia presentada pola Liga de Fútbol Profesional (LFP). 

Comentarios