Antía Otero, atleta: "O obxectivo para 2023 é ser a campioa do Estatal"

Antía Otero é da Capela, e ten tan só 14 anos. En 2021 foi a primeira do ránking estatal de lanzamento de xavelina, rexistrando a sétima mellor marca de todos os tempos, o que dá unha idea do potencial dun nome a incluír xunto co das mellores na nova fornada do atletismo galego, casos de Xela Martínez ou Ainhoa Repáraz. 

A lanzadora ten un gran potencial (Foto: Nós Diario).
photo_camera A lanzadora ten un gran potencial (Foto: Nós Diario).

Este mesmo sábado, día 30, compite no Campionato Galego, a que aspira no torneo?

Teño que cubrir a proba da remuda, na que vou por participar e por axudar o club, porque eu esta tempada non estaba a facer velocidade.

Non é o seu forte, pero vese con posibilidades de arrimar o ombreiro...

Si, é algo que fago por botar unha man, aínda que se saia do que habitualmente practico.

No que máis destaca é na xavelina. É no que se quere especializar no futuro? Que é o que máis lle gusta das disciplinas de lanzamentos?

A xavelina é a que máis me gusta, aínda que fago tamén bastantes lanzamentos de peso.

Efectivamente, tamén tocou peso, fixo varios controles de disco, pero sobre todo xavelina, por que?

É na disciplina na que vexo que me sinto máis cómoda, e cando lanzo gústame o que estou a facer.

Por agora, pensa dedicarse en exclusiva á xavelina ou quizais, vista a  súa polivalencia, probar nalgunha competencia que lle permita facer varias ao mesmo tempo, como sería o héptatlon?

Non, agora mesmo, non. Antes si que competín en probas combinadas dese tipo, pero cada vez máis me vou cara a xavelina.

É moi nova, pero xa conseguiu resultados bastante destacábeis. A curto prazo, cales son as metas que se marca Antía Otero?

Este ano son de primeiro, e o que quero é clasificarme para o Estatal de aire libre, que se disputa no mes de xullo, pero o ano que vén xa me poño como reto poder ser campioa de España, porque penso que teño posibilidades.

Estamos a falar dun ano vista, pero a longo prazo, cal sería o seu soño no atletismo?

Creo que o de todo o mundo que practica este deporte, lograr gañar un Campionato de Europa ou un Mundial.

Ten algún ou algunha deportista que sexa o seu ídolo ou a súa referencia?

Si, é unha rapaza que é cubana, Aguilar. É unha lanzadora de xavelina que cando Moncho Fernández fai concentracións, como o pai de Moncho adestra esa deportista, eu véxoa lanzar e alucino. E despois, entre as galegas, Lidia Parada.

E que tal leva o de compaxinar o deporte cos estudos?

A verdade é que o levo bastante ben, suficiente para adestrar todos os días e a bo ritmo (ri).

Como naceu a súa paixón polo atletismo?

Pois é que non comezou polo atletismo en si. Eu xogaba ao fútbol, e ás veces mandábannos correr, por iso de practicar a velocidade, e aí comecei a ver como que corría bastante, e destacaba incluso ante os nenos. Logo, cando deixei o fútbol, decidín apuntarme a atletismo para ver que tal se me daba isto de correr, porque parecía que bastante ben. 

Cando comezas no atletismo póñente a probar de todas as disciplinas, para ver o que mellor se che dá. Ao principio facía velocidade, pero de súpeto en peso empecei a ir bastantes veces á semana, e o ano pasado fun a un campionato de España Sub-14 e tiven que facer moito peso e moito disco. Un día, por probar, porque me quedaban dous lanzamentos, con xavelina e martelo, vimos que a xavelina se me daba moi ben. 

Con todo, a xente dos lanzamentos sempre di que acaba botando en falta a variedade. Acabará por pasarlle?

Hai veces que está moi ben saír da túa zona de confort, porque estar todos os días facendo o mesmo pode esgotar un pouco.

Comentarios