Malestar de celtistas con Okay e Mor polo 'apoio' ao ataque turco ao Kurdistán

Os xogadores da selección turca celebraron o gol contra Francia cadrándose militarmente, xesto que axiña se interpretou como un apoio á agresión de Turquía contra a poboación kurda en Siria. Okay xogou nese partido e Emre Mor aplaudiu o xesto nas redes sociais.

seleccion turca

O club alemán St. Pauli despediu o seu xogador Cenk Sahin polo apoio expresado por este á invasión turca do Kuridistán sirio. Sahin manifestara en Instagram o seu respaldo aos “nosos heroicos militares” o que xerou unha gran vaga de malestar e protestas entre os e as seareiras do St. Pauli, equipo cunha forte compoñente de esquerdas e compromiso antifascista.

Sahin non é o único xogador turco que ten este posicionamento sobre a agresión militar do seu país contra a poboación curda. Os propios xogadores da selección turca protagonizaron un xesto (facer o saúdo militar cara á súa afección) ao empatar con Francia que se interpreta como un apoio ao exército e á invasión.

Nesa selección está Okay, xogador do Celta, e outro céltico, Emre Mor, cedido ao Galatasaray, expresou a través das redes sociais o seu apoio ao xesto dos seus compañeiros. Mor, dinamarqués, ten tamén a nacionalidade turca.

Nas redes sociais seareiros e seareiras do Celta xa expresaron o seu rexeitamento ao posicionamento destes dous xogadores, e hai afeccionadas que piden ao Celta que tome medidas contra eles na liña do feito polo Sant Pauli.

 

Comentarios