O RACING PODE CERTIFICAR O TíTULO APÓS 30 XORNADAS LíDER

Un ano en verde

O Racing xógase a Liga en Astorga o domigo ás 18.00 horas

A merea verde desprazarase en masa a Astorga
photo_camera A marea verde desprazarase en masa a Astorga. Foto: Rácing de Ferrol

A piques está de fecharse a tempada dos verdes. Un curso brillante, no que dominaron a Segunda División B con puño de ferro. Líderes intocábeis até a penúltima xornada. Tocados unicamente pola fortuna, poida que a do campión, nese trixésimo sétimo encontro do ano ante os seus máximos opositores, o outro Racing, o histórico, o do Sardinero, o de Munitis, quen agora xa non galopa pola banda. Non sen saír da súa zona técnica.

As ligas gáñanse con bon xogo, con organización e con moita intensidade, pero decídense en accións moi concretas e case azarosas.

O domingo pasado, no minuto 84 o Racing de Ferrol perdía na Malata contra o Santander e Miguel Ángel Tena decidiu meter un central. Un defensa como cambio ofensivo, un bon xiro no argumento. Colgar balóns, buscando “aos altos”, pescar algún rebote na área e… ver que pasa. Un centro peiteado por Golobart e un gol en propia. O 2 virou protagonista: empate a dous no marcador e dous puntos sobre os cántabros, como colchón, e sobre o Tudelano, o terceiro en discordia que rompe a dualidade.

O certo é que todo quedou no aire. Aprazouse a resolución, pero mantéñense os privilexios conseguidos despois de facer deste Grupo I o máis ferrolán da historia, con 30 xornadas comandando a clasificación que, cousas do fútbol, non valerán de nada de perder en Astorga.

Nove puntos de ventaxa chegaron a acadar os de Miguel Angel Tena sobre os seus perseguidores na xornada 27, despois de encadear unha xeira de 6 vitorias e 2 empates. Ficaba moito, mais o marxe era suxestivo. Gañar a liga virou unha idea palpábel e asegurar o play off, unha obriga. Cumpriuse, o Racing xogará a fase de ascenso en todos os casos, mais o triunfo en liga regular deixaríaos a unha eliminatoria de xogar na categoría de prata o vindeiro ano. A segunda e a terceira posición suporían ter que pasar tres roldas ante os mellores da Segunda B.

O curso comezou con derrota, mais os ferroláns foron medrando e logrando excelentes resultados. Na xornada 7 xa eran líderes, e xa non deixaron de o ser. Ninguén puido achegarse aos homes de Tena, até as últimas xornadas, nas que o equipo comezou a deixar puntos polo camiño. Porén chegan á última xornada nesa primeira praza que xa é de seu. É deles por méritos propios.

As chaves da tempada

O excelente ano do conxunto da Malata hai que entendelo en bloque. Son o terceiro equipo menos goleado e o máis anotador. O bo xogo permitiu isto, mais tamén hai espazo para destacar a protagonistas indiscutíbeis, neste eido.

Ian Mackay foi o candado dos ferroláns cunha media de só 0.79 goles encaixados por partido

Ian Mackay. Foi o candado dos ferroláns. O porteiro coruñés, ex canteirán do Deportivo, aportou un salto de calidade ao equipo dende que chegara, procedente das filas do CD Boiro. Viña dunha categoría menor, mais con experiencia en Segunda División na que xogou coa Ponferradina e o Sabadell. No Barbanza ségueno botando en falta dous anos despois e, en Ferrol, está firmar a súa terceira tempada ao seu mellor nivel. Mackay foi crucial no último partido ante o Santander, seguindo a liña de toda a tempada, na que só se perdeu 3 partidos, por lesión, e na que encaixou menos dun gol por partido (0.79).

Joselu. O dianteiro de Palmeira é o grande culpable de que o Racing sume 59 goles a favor en 37 encontros. Joselu é o pichichi dos ferroláns e do Grupo I, con 19 tantos na súa conta. Xogou en todas as xornadas, sendo titular en 36 delas e é o xogador con máis minutos no campo. O ribeirense chegou hai dúas tempadas da SD Compostela, onde marcara 30 goles, rexeitando unha oferta de Primeira División do Almería. As espectativas eran moi altas, mais non defraudou. No primeiro curso coa camisola verde fixo 16 goles e este ano xa mellorou os seus números. Ademais mostrou o seu compromiso co proxecto ao rexeitar unha oferta do Nástic de Tarragona, de Segunda División, para seguir loitando polo ascenso.

Borja Domínguez. É unha das perlas da canteira do Celta de Vigo e esta é a súa primeira tempada sen vestir a celeste. Cedido polos olívicos, mostrou en Ferrol o mellor de si mesmo, facendo a súa tempada máis completa. O equipo perde mobilidade cando el non está. Ao lado de Iván Forte ou de Garrido, rompe liñas dende o centro do campo e aporta caudal ofensivo, desbloqueando o equipo cando Joselu e Pablo Rey se atopan marcados. Leva 9 goles en 34 partidos. Segundo máximo goleador do segundo equipo de toda a Segunda B que máis tantos anota, cando no Celta B nunca conseguira marcar nesta categoría. Toda unha revelación.

Golobart. Poida que non sexa o xogador máis imprescindíbel dos ferroláns. Disputou pouco máis da metade de minutos que Joselu e non foi titular no partido máis importante do ano, contra o Santander. Mais Golobart está a ser decisivo na última parte da tempada cunha asistencia de gol en Villaviciosa para salvar un punto ou coa súa entrada nos últimos compases ante o Racing de Santander. Golobart é o factor sorpresa.

Miguel Angel Tena. Na primeira tempada nos bancos do ex xogador castellonense, está a mellorar o terceiro posto conseguido o pasado curso, no que se finalizou con 69 puntos, 4 menos dos que suman os ferroláns este ano. Tena pasou de ser un central rochoso a dirixir o equipo máis goleador da liga. Toda unha metamorfose.

Última estación: Astorga

O camiño á Segunda División tamén pasa por Astorga. O Racing, dous puntos por diante dos seus homónimos de Santander, deberá gañar para asegurarse a primeira praza e, con ela, o acceso ao play off pola vía dos campións, unha vía que lles daría o ascenso con imporse nunha única eliminatoria. De non acadar a vitoria na localidade leonesa, o Racing debería esperar resultados. Empatando, daríase a opción de rematar igualados a puntos co Racing de Santander ou o Tudelano. Esta situación ante os cántabros prexudicaría aos ferroláns por teren o gol average perdido. O empate ante o Tudelano daríalle a primeira praza o Racing de Ferrol. O triple empate beneficiaría o Racing de Santander, o equipo con mellores resultado entre os tres.

Do outro lado, un rival en apuros. O Atlético Astorga ten unha última bala para manter a categoría. Unha vitoria ante o Racing de Ferrol, unha derrota do Cacereño e que o Sporting B non gañe o seu partido, é o que precisaría o Astorga para evitar o descenso directo, xa que no mellor dos casos, xogarían a promoción.

Para a ocasión, clube e Concello fletaran cinco autobuses gratuítos, para a afección se desprazar até Astorga a apoiar o equipo dende a bancada, que remataron por ser oito debido á grande demanda de prazas. A maiores, a propia plantilla decidiu asumir os gastos dun noveno para que a marea verde xunte o maior número posíbel de seareiras e seareiros.

Comentarios