A análise da xornada futbolística: pleno do triunfos do fútbol galego

Inmellorábel xornada ligueira para os equipos galegos de elite, pois todos conseguiron sumar os tres puntos. Algúns de modo máis atípico, caso do Dépor, que nin sequera tivo que dar unha patada ao balón pola folga do seu rival, e outros ofrecendo un extraordinario nivel de xogo, como o Lugo e o filial celeste.
O Estremadura non se presentou en Riazor a causa da folga dos seus futbolistas. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O Estremadura non se presentou en Riazor a causa da folga dos seus futbolistas. (Foto: RC Deportivo).

Tres de tres. Pleno de triunfos galegos na Primeira RFEF que consolidan o liderado do Deportivo e achegan Celta B e Rácing de Ferrol ao play-off de ascenso á Segunda División, do que ambos xa están separados por tan só tres puntos.

Quen o tivo máis doado, con diferencia, foi o Dépor, pois os branquiazuis limitáronse a saltar ao terreo de xogo de Riazor até que o colexiado constatou protocolariamente que os futbolistas do Estremadura consumaron a súa ameaza de non desprazarse até A Coruña debido á folga que están desenvolvendo polos repetidos impagos da escuadra de Almendralexo. 

O filial celeste, pola súa banda, esmagou o segundo equipo do Real Valladolid por 3-0 e o Rácing de Ferrol sacou petróleo do campo do Talavera, a quen superou por 1-2.  

Primeira vitoria fóra da casa do Lugo

Subindo o foco até a categoría de prata, o Club Deportivo Lugo logrou ante o Amorebieta a primeira vitoria fóra da casa no que vai de tempada (1-3), éxito que vale moito máis que tres puntos, pois os vascos axexaban desde a zona baixa e os albivermellos mesmo poderían ter caído a postos de descenso de non ser quen de conseguir o triunfo.

Por sorte, Josep Señé, o goleador Carrillo -que emendaba así o seu desafortunado papel na acción do único tanto local- e Sebas Moyano fecharon un resultado que permite encarar con tranquilidade e optimismo o difícil duelo da próxima xornada ante o poderoso Eibar.

Fútbol internacional: España, OK; Portugal, KO

Faltou por unirse a esta festa do fútbol galego o primeiro equipo do Celta, pero as principais ligas de Europa pararon esta fin de semana a causa dunha serie de compromisos internacionais que fecharon a definitiva clasificación da selección española para o Mundial de Qatar 2022 logo de superar Suecia por un gol a cero nun choque no que o galego Brais Méndez disputou os últimos catro minutos.

Menos sorte tivo Portugal, pois os Cristiano Ronaldo, Bruno Fernandes, João Félix e compañía terán que sacar o boleto para o emirato na repesca.

Os portugueses dependían de si mesmos, mais caeron 1-2 ante Serbia a pesar do tanto de Renato Sanches nos segundos iniciais. 

Comentarios