Análise

Celta e Lugo completan o obxectivo de non pasar apuros nunha tempada pre revolucionaria

Analizamos a ruta dos equipos galegos para lograr a salvación e o seu futuro na LFP.
Coudet agarda recuperar a alegría perdida a causa dos numerosos contratempos sumando os tres puntos en xogo. (Foto: EP).
photo_camera Coudet agarda recuperar a alegría perdida a causa dos numerosos contratempos sumando os tres puntos en xogo. (Foto: EP)

Tranquilidade, calma, paz, quietude, sosego... son valores que no fútbol valen ouro. Que llo pregunten senón a un Club Deportivo Lugo que na presente tempada 2021/22 que vén de finalizar na Segunda División viviu o seu primeiro final ligueiro apto para corazóns sensíbeis desde 2018, unha gratificante sensación da que o Real Club Celta de Vigo gozou por segunda campaña consecutiva, tras un bienio moi duro entre 2018 a 2020.

O Lugo fechou a pasada fin de semana a súa décima tempada consecutiva na categoría de prata, o que unido ao descenso do Alcorcón fará da escuadra albivermella no próximo exercicio 2022/23 a que acumule máis tempadas consecutivas na Segunda División.

O Lugo asinou un curso tranquilo. (Infografía: Nós Diario)
O Lugo asinou un curso tranquilo. (Infografía: Nós Diario)

A diferenza das últimas catro permanencias, absolutamente agónicas e sufridas, nesta ocasión non pasou apuros en ningún momento, finalizando na décimo sexta posición da táboa con 50 puntos, sete de vantaxe sobre os postos de descenso a Primeira RFEF. 

A chave do seu éxito estivo na comuñón dun cadro de xogadores moi xusto en canto a efectivos ante o escaso do límite salarial do equipo e a situación económica do club co seu adestrador, Rubén Albés. 

Ambos os equipos vivirán este verán un cambio radical no que sairán varios dos seus xogadores máis importantes na tempada 2021/22

O preparador vigués, perfectamente consciente da situación, deseñou un sistema sen ningunha concesión ao fútbol espectáculo, pode que incluso ultrafedensivo a ollos do espectador ou espectadora máis sedenta de brillo, caneos e goles, pero o certo é que a súa efectividade foi incuestionábel, e a mediados de febreiro tiña a permanencia practicamente no peto.

Por momentos chegou a ter incluso opcións de achegarse a postos de play-off de ascenso, pero baixas de peso no mercado de inverno como as de Hugo Rama ou Gerard Valentín, xogador estrela albivermello até a súa partida, fixéronse notar, e desde finais de xaneiro o Club Deportivo Lugo só gañou tres partidos.

Estatísticas de Celta e Lugo esta tempada. (Infografía: Nós Diario)
Estatísticas de Celta e Lugo esta tempada. (Infografía: Nós Diario)

O problema é que despois da calma sempre chega a tempestade -ou era ao revés-, e o bloque construído por Albés sufrirá un  desmantelamento comezando pola súa cabeza, un adestrador que ten varios conxuntos con maiores aspiracións que o lucense facéndolle as beiras. Xunto a él marcharán tres lendas como os capitáns Pita, Seoane e Iriome, así como varios dos homes chave da 2021/22, que ou ben serán traspasados para facer caixa, rematan contrato e non renovarán, ou militaron no club en calidade de cedidos.

Polo tanto, este será un verán rápido -pois a próxima tempada comeza na primeira quincena de agosto-, movido -entre futbolistas e corpo técnico, o número de operacións de baixas e altas superará con facilidade as 25- e cheo de incertezas a causa das limitacións económicas e o carácter errático e imprevisíbel do seu presidente, Tino Saqués.

Europa, a esixencia do Celta no centenario

No referente ao único representante do país na máxima categoría, o Celta de Vigo, a campaña deixa un sabor agridoce. Ben é certo que unha undécima posición, sen ver ameazada en ningún momento a permanencia, debería ser motivo de celebración, pero os sucesos fóra do terreo de xogo condicionan a óptica global da 2021/22. 

A máis importante foi a condena a Santi Mina por abusar sexualmente dunha muller no 2017. A directiva decidiu non tomar ningún tipo de medida até a sentenza, momento no que foi apartado da disciplina celeste. Até aquel entón foi un dos homes máis empregados polo Chacho Coudet, pero hoxe o sentimento é que non volverá defender nunca máis as cores do Celta, con independencia da súa situación xudicial.

O Celta de Coudet non temeu polo descenso esta tempada. (Infografía: Nós Diario)
O Celta de Coudet non temeu polo descenso esta tempada. (Infografía: Nós Diario)

Outro home vital que non seguirá en Vigo será Denis Suárez. O conflito do de Salceda de Caselas co presidente Carlos Mouriño a causa da marcha do canteirán Bryan Bugarín ao Real Madrid, nunha operación xestionada por unha axencia da que Denis é accionista, levará ao seu traspaso para non pasar todo o ano nas bancadas, práctica que non é estraña para Mouriño.

No preito, a afección tomou claro partido polo centrocampista, como demostrou apupando o presidente na homenaxe a outro xogador que abandonará o Celta, o veterano Nolito. Así, neste conxulso contexto entra o Celta nun ano do centenario no que o obxectivo non debería ser outro que clasificarse para Europa.

Comentarios