sábado 23/10/21

Ana Abuín, Javier Viteri e Medih El Nabaoui, campións de España

O atletismo galego confirma o seu bo estado de forma.
A deportista da Atlética A Silva Ana Abuín proclamouse campioa de lanzamento de martelo pesado. (Foto: FGA).
A deportista da Atlética A Silva Ana Abuín proclamouse campioa de lanzamento de martelo pesado. (Foto: FGA).

Un total de sete medallas foi o balance xeral obtido polas representantes galegas nos campionatos de España de Campo a Través e de Lanzamentos Longos de Inverno. No primeiro, disputado na localidade madrileña de Xetafe, a selección galega acudía sen ter tomado parte en ningunha proba da modalidade durante o presente ano polas limitacións e impedimentos derivados da situación sanitaria, o que se notou nos resultados colectivos, onde Galiza foi novena na categoría Sub-20 feminina; décima na Sub-23 feminina e Sub-20 masculina; décimo primeira na absoluta masculina e décimo sexta na Sub-23 masculina.

Porén, a nivel individual brillou con luz propia El Medih El Nabaoui, que se proclamou campión de España na que foi a súa primeira competición en 2021, mellorando así o bronce conseguido o ano pasado e, ao mesmo tempo, facendo valer a súa enorme calidade, que o confirma como un dos nomes propios máis importantes no panorama do campo a través a nivel internacional.

Mais, a pesar da medalla de ouro obtida por El Nabaoui, foi sobre as pistas de atletismo de Montijo (Estremadura) e de Barbastro (Huesca), no marco da XI edición do Campionato de España de Lanzamentos Longos de Inverno -que se desenvolveu en dúas sedes diferentes-, onde o pavillón galego luciu mellor.

En Montijo tiveron lugar as probas na categoría sénior, onde a internacional Lidia Parada, do Atlético Barbanza, se facía co subcampionato na xavelina logo de efectuar un mellor lanzamento de 53,80 metros, proba na que compartiu podio con Carmen Sánchez Parrondo, que conseguía a medalla de bronce con 51,16 metros, igualando o mesmo metal que conquistara o ano pasado. Ademais, a cuarta praza estivo ocupada por outra deportista galega, Ivanna Carolina Román (Ría Ferrol), que lanzou 47,62 metros, asinando así a súa mellor marca persoal.

Por outra banda, tamén asinaron un gran papel Carlos Revuelta -finalista no concurso de martelo, onde rematou en quinta posición após lanzar 60,52 metros-, a Sub-20 Irene Gómez -sexta na mesma modalidade con 52,72 metros- e Yago Araújo (Real Club Celta), sétimo tamén no martelo con 58,27 metros.

A aproximadamente 800 quilómetros de alí, Ana Abuín (Atlética A Silva) volvía proclamarse campioa de España no concurso de martelo pesado, un éxito que complementou coa medalla de prata no de martelo, volvendo así da localidade aragonesa de Barbastro con dúas novas condecoracións para engrosar o seu impresionante palmarés.

Javier Viteri, do Samertolomeu, colgábase de igual modo o título de campión de España de xavelina M-55 logo de lanzar o artefacto até os 40,50 metros, modalidade na que Pepe Domínguez (Atlética A Silva) gañaba a medalla de prata en M-50.

Caen nove récords galegos

Outros nomes de actualidade no mundo do atletismo galego son os de Luis Eyre Vázquez, José Manuel Bao, Juan Bello, José Barreiro, Lucía Sánchez del Valle, Xiana Lago, Ainhoa Reparaz -en dúas categorías- e Xela Martínez, que estabeleceron novas plusmarcas históricas nas súas disciplinas.

Especialmente destacábel foi a exhibición de Ainhoa Reparaz, quen no Campionato da Galiza de categorías inferiores non só gañou tanto nos 60 como nos 200 metros lisos, senón que estabeleceu dous novos récords da Galiza.

comentarios