Ajax-Celta: 3-2

Amsterdam celeste

O relato dunha derrota sempre é difícil de escribir, pero o relato dunha derrota con viaxes, ilusións, risas e festa polo medio é simplemente imposible de retratar obxectivamente. Non se pode expresar esa difusa liña entre a decepción, a ledicia, o conformismo e a rabia de verse no último minuto do encontro cun empate no marcador que se esfuma.

Amsterdam Arena. Ajax-Celta. 3 de novembro de 2016
photo_camera O Amsterdam Arena, minutos antes de comezar o xogo

Amsterdam é unha cidade ordenada e agradable para o paseante e o 'bicicletista' que se viu inundada de súpeto por máis de mil celtistas que romperon, coas súas cancións e as súas gorxas, a tranquilidade e a calma. A Festa comezou cedo nos arredores da Nieuwmarkt, unha coñezida praza do centro de Amsterdam onde o seu edificio máis emblemático é o Waart, orixinariamente unha porta das murallas medievais da cidade. É xusto alí, onde a cidade séculos atrás marcaba as súas fronteiras, comezou o 'asalto' celeste en Amsterdam. Entoando con forza o Miudiño e a Rianxeira, o número de celtistas foi gañando en número até ocupar a meirande parte de prazas e bares, ben protexida pola policía holandesa, iso si. O prognóstico era claro, gañar.

“Estou convencido que Toto sabe que hai moita xenta que veu coa esperanza de levar a vitoria para Vigo e ser líderes de grupo”, comentaba Álex da peña Centolos Celestes, convencido das 'mínimas' rotacións de Berizzo. Coma el, Jessica e Ángel tamén esperaban a vitoria do Celta nun partido “reñido”, pero coa vitoria final para os nosos. Iso si, non eran tan optimistas coas 'non' rotacións do míster. A vitoria era a idea común, “non pode ser doutro xeito cando recorres parte de Europa para chegar aquí”, comentaba algún afeccionado polo fondo. Aínda que algúns, como Laura, estarían contentas con sacar unha vitoria “que nos mantivese na segunda posición da táboa”. Gabriel e os seus compañeiros da peña Zeru-Urdin de Bilbao tiveron unha chegada un pouco accidentada ao punto de encontro celeste. Chegaron escoltados pola policía grazas á 'amable' benvida por parte dalgúns afeccionados do Ajax que os “acorralaron” no metro ao berro de “Puta Vigo, gitanos de mierda, do you want to fight?”. Despois do susto, uníronse á festa tamén optimistas co partido, Gabriel esperaba do Celta un “golpe enriba da mesa en Europa”. Anécdotas aparte, foi unha tarde de rivalidade pacífica en Amsterdam e non había celtista na praza xa 'celeste' que non confiase nunha vitoria do equipo. As rotacións de Berizzo eran a principal preocupación dos afeccionados que pedían literalmente a berros a titularidade de Aspas.

Anécdotas aparte, foi unha tarde de rivalidade pacífica en Amsterdam e non había celtista na praza xa 'celeste' que non confiase nunha vitoria do equipo

O camiño ao estadio foi un auténtico desembarco celeste, o metro de Amsterdam foi literalmente territorio celeste, trinta minutos de traxecto no que non pararon as cancións recordándolles aos afeccionados do Ajax presentes que o Celta está en Europa para presentar batalla e non agochar a cabeza. “No partido de ida empatamos sen esforzo, así que hoxe preparádevos para a derrota”, comentaba entre barros celestes un afeccionado do Ajax apenas inaudible. “Non está mal tendo en conta que xogamos cun equipo cheo de suplentes”, replicáballe unha afeccionada do Celta.

Amsterdam Arena. Ajax-Celta. 3 de novembro de 2016Ao final a titularidade de Aspas non foi, nen a de Wass, Jonny, Pablo Hernandez ou Cabral. Volveron as rotacións ao once, “paréceme ben pero unha cousa é rotar e outra e xogar practicamente cun equipo de suplentes contra o Ajax na súa casa”, comentaba Pablo. Entre os afeccionados, entre canción e canción sentíanse os murmullos sobre o once de Berizzo “pero ti viches o banquiño de luxo que temos”, comentaba algún co cara de perplexidade. “Veremos”, engadía polo fondo o seu compañeiro. E vimos. Vimos unha primeira metade do Celta mala, sen apenas crear xogo e cun centro do campo perdido e perdendo balones demasiado fáciles para un bon equipo como o Ajax. O gol nos últimos momentos da primeira metade caeu coma un sopapo, “este é o peor momento para recibir o gol”, comentaba Inés, argumentando que “necesitábamos un equipo forte na segunda metade e este gol xusto ao final pode deixalos noqueados no descando”. A grada do Celta foi unha constante festa na primeira metade, non quedou canción celeste que non sonara nun Amsterdam Arena case cheo. No descanso, tempo para repoñer forzas e salientar que as posibilidades de empate pasaban todas por cambios para mellorar un “mal” equipo. Unanimidade no mal primeiro tempo do Celta e na necesidade de cambios.

Aínda así, as gorxas mandaban folgos ao equipo en cada xogada. A fría noite de Amsterdam deixou paso nas gradas celestes a un ambiente cálido de berros, brazos ao aire e palmas incesantes para recibir o equipo na segunda metade. 

Berros pedindo a Aspas no campo. Minuto 70, terceiro gol do Ajax. Silencio total. Agora si o frío era real

Unha segunda parte no que o Celta comezou a ser máis o Celta, coa entrada de Wass no campo o equipo tivo máis o balón, pero aínda necesitaba máis ideas de medio campo para arriba. “Cambios Berizzo”, berraba a bancada celeste. “Canto esperará Berizzo desta volta para facer os cambios?”, comentaba Vitor un pouco farto da 'afección' do entrenador celeste a agardar até os últimos minutos do encontro para realizar os trocos. Minuto 67, gol do Ajax. Murmurios nas bancadas. Inesperado este segundo gol despois dalgún síntoma de mellora do equipo. Berros pedindo a Aspas no campo. Minuto 70, terceiro gol do Ajax. Silencio total. Agora si o frío era real. A parroquia celeste perdía definitivamente a fe, pero con Aspas e Guidetti o equipo reactivouse. Aspas é o alma do Celta en ataque, un xogador capaz de cambiarlle a cara o equipo e Guidette empregouse a fondo, extra motivado polo seu pasado como xogador do Feyenoord. Ambos marcaron e devolvéronlle a ilusión aos afeccionados celestes nos últimos cinco minutos do encontro. Volveron os berros, as cancións celestes, o calor á bancada visitante e o empate semellaba agora unha posibilidade real. E foino. Bongonda tívoo nas súas botas, pero a cen mil pulsacións por minuto non sempre as decisións son as máis axeitadas cando ves tan perto o empate do equipo. E aí morreu o encontro.

A coincidencia nas bancadas celestes era unánime: “Berizzo reaccionou tarde”

Non deu para máis, a posibilidade de empate foi tan real que nos restantes catro minutos o Ajax adicouse a perder todo o tempo posible e non posibilitar que o Celta chegase a súa area, “despois de estar gañando 3-0, non podiamos permitirlles empatar o partido”, sinalaba un afeccionado do Ajax ao final do encontro. “Foi un gran partido cun gran ambiente, estivestes perto”, sinalaba. Ese 'perto' deixou na bancada cun sabor agridoce. A derrota foi dura despois dun día de festa, pero foi doce ver a reacción do equipo e a loita até o final. Iso si, a coincidencia era unánime: “Berizzo reaccionou tarde”.

Reaccións tardías ou non, o certo é que a afección, aínda 'tocada' polo resultado, foi deixando o estadio resignada entre cálculos dos próximos partidos, repasando as ocasións falladas e pensando xa no seguinte partido fronte ao Valencia “para quitar este mal sabor de boca”. Ao final a derrota impediu á afección celeste pechar un día de festa en Amsterdam, día que moitos non esqueceremos. “Foi unha experiencia moi bonita e emocionante chegar á praza onde estaban todos os celtistas e sentirte na casa”, comentaba Álex de Centolos. Subscribo.

Comentarios