Alto risco no adeus do Celta á campaña ligueira

Acabou a peseta! O Celta despide unha tempada tan cómoda no eido estritamente deportivo como convulsa fóra do terreo de xogo ante un equipo en plena guerra civil, o Valencia (sábado, 17.30 horas). Tamén é moi interesante o derbi galego deste sábado ás 20.30 entre Celta B e Rácing de Ferrol, mesma hora do Dépor-Valladolid B.
O Celta estreou camiseta ante o conxunto chipriota (Foto: RC Celta).
photo_camera O Celta estreou camiseta ante o conxunto chipriota (Foto: RC Celta).

Como se dun protagonista de película de acción se tratase, neses filmes nos que case sen saber como o tipo duro acaba cos seus osos inmersos nun conflito que non é o seu, xa sexa unha loita urbana ou un preito interxeracional entre dúas familias, o Real Club Celta de Vigo despide a tempada 2021/22 nunha Valencia en estado de sublevación.

A cidade do Turia está en pé de guerra contra a propiedade do club, exercida desde 2014 polo singapurense Peter Lim, desde que a principios de semana se fixesen públicos uns audios privados do presidente, Anil Murthy, nos que carga contra todo e contra todos, desde a estrela e ídolo da afección Carlos Soler até o adestrador, Bordalás, pasando pola prensa deportiva local.

Foi a pinga que rebordou o vaso da decadencia social e deportiva dun club acostumado a loitar polos títulos, polo que varios colectivos de seareiras fixeron un chamamento a concentrarse diante do estadio de Mestalla durante o partido contra o Celta (hoxe sábado, 17.30 horas), pero sen entrar en ningún momento dentro do coliseo.

Así as cousas, este atribulado contexto, que levou á Delegación do Goberno a cualificar o partido de "alto risco", aumenta as posibilidades dun Celta que aspira a fechar a tempada cun triunfo que o catapulte até a novena posición, meta para a que necesita ademais que o Osasune non pase do empate mañá ante o Mallorca.

Deportivamente, Coudet non poderá contar cos seus dous mediocentros defensivos, Fran Beltrán -mancado- e Renato Tapia, sancionado, polo que será unha boa ocasión para seguir as evolucións dun rapaz do Porriño chamado a contar con moitos máis minutos a próxima tempada, Gabri Veiga.

O encontro tamén ten un certo baruto crepuscular, pois moitos dos homes que salten ao terreo de xogo de Mestalla non continuarán en Vigo na 2022/23. Son os casos do segundo xogador máis popular entre a afección tras Iago Aspas, Denis Suarez, pola súa lea co presidente Mouriño-; o titularísimo porteiro Matías Dituro, pois a directiva négase a pagar polo traspaso dun gardameta que actualmente está en calidade de cedido por considerar que aos seus 35 anos é demasiado veterano para a Primeira División; o lateral Javi Galán, obxecto de desexo de varios dos clubs más potentes das ligas española e inglesa; o central Murillo, unha das grandes decepcións da tempada; Nolito, xa homenaxeado a pasada xornada despois do partido co Elxe; e, posíbelmente, algún outro dos membros menos habituais do cadro celeste, como Augusto Solari e Thiago Galhardo  

O dilema do Rácing

Xa na terceira categoría, a Primeira RFEF -unha vez máis, os horarios extemporáneos da Liga de Fútbol Profesional impiden que Nós Diario poida ofrecer a crónica dun partido, neste caso o Zaragoza-Lugo de onte, que finalizou fóra do horario de fechamento desta edición, todo o protagonismo galego recae nos ombreiros do derbi Celta B-Rácing de Ferrol (hoxe, 20.30 horas).

Programado en Balaídos, en lugar de en Barreiro, onde habitualmente xoga como local o filial celeste, a privilexiada posición do Rácing de Ferrol permítelle chegar coa tranquilidade de saber que, salvo que perda por goleada, xa ten asegurada unha praza no play-off. Non así o Celta B, que necesita gañar para fuxir definitivamente do axexo polo cobizado premio de loitar polo ascenso que desexan arrebatarlle Badaxoz, UD Logroñes, Raio Maxadahonda e Unionistas.

Non ten estes problemas o Deportivo da Coruña. Co play-off no peto e o segundo posto tamén case certificado, a escuadra herculina visita Valladolid para enfrontarse co filial pucelano tamén no día de hoxe a partir das 20.30 horas, nun partido que o técnico Borja Jiménez empregará para axustar pezas de cara ao tramo decisivo da competición.  

Comentarios