luns 08/03/21

Álex López, futbolista do Rácing: "Hai moito sufrimento oculto detrás das cousas bonitas que ten o fútbol"

Álex López (Ferrol, 1988) ten as ideas moi claras: "O Rácing ten que pelexar por subir". Mais a batalla polo ascenso está moi complicada para o conxunto ferrolán, que na xornada de onte despediu Emilio Larraz despois de dous anos e medio á fronte do primeiro equipo logo da derrota na casa ante o Salamanca UDS.
O veterano centrocampista foi o mellor xogador de decembro no seu equipo. (Foto: Rácing de Ferrol).
O veterano centrocampista foi o mellor xogador de decembro no seu equipo. (Foto: Rácing de Ferrol).

Aos seus 33 anos, Álex López está defendendo as cores do club no que debutou con tan só 16 e ao que volveu no verán de 2019, tras xogar en equipos do nivel do Celta, o Sporting ou o histórico Sheffield Wednesday. Que queda hoxe daquel rapaz?

Hai moito tempo daquilo, pero as memorias están moi vivas, pois a miña ilusión sempre foi ser futbolista, pero sobre todo selo no Rácing de Ferrol. Non son o mesmo que con 15 anos entrou por vez primeira naquel vestiario, porque cando vas crecendo e madurando ves as cousas doutro modo, pero a ilusión por xogar ao fútbol e de gozar con esta camiseta permanece, e trato de non perdela.

Esa ilusión da que fala, chegouna a perder cando fichou polo Brisbane Roar austrialiano no ano 2018? Naquela etapa transmitía a impresión de estar un tanto ‘queimado’ deste deporte.

Durante a vida de calquera persoa, tamén na dos futbolistas profesionais, vívense diferentes etapas, e neste deporte hai cousas moi bonitas, pero tamén moito sufrimento por detrás, oculto. No meu caso concreto, antes de marchar para Australia estiven en Xixón, onde chego despois de rescindir en Vigo. Tiña a ilusión de xogar no Sporting desde que era un cativo, e pensaba que sería o paso idóneo para continuar a miña carreira, pero foi unha tempada moi dura marcada por unha lesión moi grave e rara que tiven nas costas. Por iso, e a pesar de ter un ano máis de contrato e de que rematei a campaña xogando no play-off, comunicáronme que non contaban comigo. De súpeto, atopeime na situación de non saber que camiño tomar. Si que tiña claro que quería volver ao Rácing, pero o equipo acababa de baixar a Terceira e, entón, xurdiu a oportunidade de ir a Australia, un sitio onde non hai esa presión tan grande propia do fútbol, o que me permitiu recuperar as sensacións perdidas como paso previo para volver á casa.

Todas esas experiencias que atesoura emprégaas agora no Rácing de Ferrol. Como foi o proceso de toma da decisión de volver tantos anos despois? 

O fundamental foi o sentimento que teño polo Rácing, pero tamén o proxecto que hai, que é moi ilusionante, e o grande interese que tiveron porque formara parte del. Logo de rematar en Australia tiven propostas para xogar en Segunda División, e mesmo en varios equipos de fóra que disputaban competicións europeas, pero tiña claro que quería volver mentres aínda fose novo e puidese achegar cousas ao equipo.

Non obstante, houbo momentos nos que non todo foi a pedir de rosas. Hai xusto un ano non estaba entrando nas rotacións, e mesmo chegou a expresar publicamente a súa frustración. Con todo, agora a situación é completamente oposta, pois foi nomeado mellor xogador do mes e está considerado como unha das estrelas, non só do seu equipo, senón de toda a categoría, e iso que o adestrador era o mesmo que o do ano pasado. Que cambiou para que pasase de non contar con oportunidades a ser ese xogador referencial que é hoxe?

É algo que tiña claro que podía pasar. Cando levas moitos anos xogando no fútbol profesional e toca baixar a Segunda B, tes que saber que é unha categoría moi complicada, tanto polo nivel dos rivais como polos estilos de xogo. Sabía que requiriría un período de adaptación, pero no fútbol iso non existe, por iso aínda que empecei xogando, como os resultados non acompañaban o míster sentoume, e entendo a decisión. Loxicamente, iso fai que a nivel individual a tempada pasada fose dura e difícil, especialmente a nivel mental. Cargueime a min mesmo cunha responsabilidade enorme, tiña a sensación de que todo o malo que acontecía era culpa miña, quería facer máis do que debería... e iso vai xerando frustración, erros e que non sexas ti mesmo. Por iso aproveitei o tempo do confinamento non só para facer traballo físico, senón tamén para traballar no aspecto psicolóxico. E este ano, no que partiamos de cero, o míster deume a súa confianza e estoume atopando moi ben, moi cómodo.

Iso que comenta da dureza, da dificultade da categoría, dos problemas de adaptación... non podo evitar que se me veña á cabeza o que está padecendo agora mesmo o Deportivo. Como ve, como rival, a situación dun equipo ao que algunha vez, vostede me dirá se con veracidade ou sen ela, se vinculou no pasado?

Ben, si que é certo que se ten comentado (ri). Sendo xogador do Celta houbo un par de contactos, pero sempre tiven claro que non era a situación idónea e que era algo imposíbel. E sobre o que lles pasa hoxe, a súa situación fala perfectamente do que é a Segunda B. Todo o mundo cre que, se ves de categorías superiores, vaste pasear, pero é ao revés. Os equipos cada vez están máis preparados e, ademais, hai outros factores que inflúen, como uns campos distintos aos de Primeira e Segunda, unha dureza superior, uns rivais que apertan máis... Adaptarse non é nada sinxelo, e é o que lle está pasando ao Dépor, que lles está custando moito xogar na Segunda B a pesar de ter un cadro de xogadores con moita experiencia en categorías superiores. E logo tamén teñen o problema da esixencia era a de gañar todos os partidos e pasearse, pero na realidade iso non pode acontecer, porque ademais o noso grupo é moi competido e igualado.

comentarios