venres 17.01.2020

Alemaña tamén triunfa nun Mundial marcado polo fracaso de Brasil e España

Un tanto de Gotze na prórroga dálle a Copa do Mundo á selección xermana fronte á unha Arxentina que estivo perto de levarse a final dun campionato que supuxo un fracaso para Brasil no futbolístico e no social e que tamén destacou pola desfeita de 'La Roja', que baleirou de bandeiras españolas as rúas.

alemaña-crop
alemaña-crop

Un tanto de Gotze na prórroga dálle a Copa do Mundo á selección xermana fronte á unha Arxentina que estivo perto de se levar final dun campionato que supuxo un fracaso para Brasil no futbolístico e no social e que tamén destacou pola desfeita de 'La Roja', que baleirou de bandeiras españolas as rúas.

Alemaña corouse como campioa do mundo de fútbol masculino cun tanto na prórroga de Gotze, que bateu así a Arxentina, que durante a primeira hora foi bastante superior -e tivo que sufrir un par de erros arbitrais- pero que acabou cedendo ante o combinado xermano, que por fin acada así o título que levaba merecendo desde 2006, cando mudou o seu estilo futbolístico e iniciou unha xeira que sempre acababa ás portas dun título que agora si ten, e que por certo é o primeiro dunha selección europea no continente americano.

A inxusta elección de Messi como mellor xogador do Mundial demostra o peso das decisións comerciais para a FIFA

Pagou a albiceleste a queda física de Messi, desaparecido na segunda hora do partido e de máis a menos no Mundial, o que non impediu que, nunha decisión claramente comercial, fose declarado pola FIFA como o mellor xogador do campionato, honra que debía ter recaído en Müller, Robben, Mascherano, Keylor Navas ou James, nunca no dianteiro do Barça. Pero o negocio manda.

Decepcións

Rematou así unha Copa do Mundo vistosa, moi igualada e que alumeou sorpresas como a de Costa Rica e Arxelia ou decepcións como as de Inglaterra, Italia (que aínda así disputaron entre elas o mellor encontro) ou Uruguai, que marchou tamén con polémica logo da forte sanción que recibiu a súa estrela, Luis Suárez, por morder a un rival. Porén, sen dúbida a desfeita tivo dous nomes propios: Brasil e España.

O combinado de Del Bosque caeu eliminado tras perder con rotundidade os dous primeiros encontros, con especial mención para a goleada que lle propinou a Holanda de Van Gaal, terceira sen perder nin un encontro. Finaliza así un ciclo para unha selección que gañara todo, pero que chegou entre dúbidas e polémicas a Brasil, como as esaxeradas primas que pretendía cobrar. Caeu España e, como mostra de que era unha moda ventaxista o que había detrás, desapareceron as bandeiras 'rojigüaldas' penduradas dos balcóns. E o españolismo perdeu así o seu meirande símbolo dos últimos anos. Unha derrota con efectos políticos, xa que era xa moeda común o usar os triunfos da chamada 'La Roja' como anestésico contra unha sociedade convulsionada. Non puideron aplicalo desta vez. E ben que se nota no ambiente político xeral, arriba e abaixo.

Desta volta non se deron os triunfos da selección española que os poderes adoitaban usar como anestésico social, como quería Brasil até que foi o 1-7

Conflito

Desastre foi tamén a Copa para Brasil. En todos os sentidos. Sen dúbida, para a historia do fútbol quedara como un fito o Mineiraço, ese 1-7 que lle endosou Alemaña na semifinal ao combinado local, que viu así castigada a súa aposta por un fútbol de forza, moi afastado do feliz estilo clásico da verde-amarela. Foi este equipo de Scolari o anfitrión máis goleado na historia dos mundiais, triste récord que se une á crise política que abriu a organización do campionato, rodeada de protestas -que medraron após a eliminación- que supoñen unha moción á totalidade ao modelo adoptado polo PT, moi semellante ao que aplicou no Estado español o PSOE no seu momento, pero agravado polas condicións sociais do país. E non parece que ese ambiente vaia amainar. En dous anos, Río acollerá os Xogos Olímpicos. E a tensión popular xa situou aí o seu punto de mira. Porque detrás destes grandes eventos hai enormes negocios para uns poucos, coas lóxicas protestas que despois o nesgo emocional do deporte tranquiliza, pero que sempre volven. Cousas das desigualdades, das que sabe tamén moito a Alemaña da Merkel que repartía apertas no palco.

comentarios