Alcorcón, segunda parada do novo Dépor na era Lucas

Os branquiazuis viaxan a Madrid co dianteiro, pero coas baixas de Antoñito e Raúl García
Lucas Pérez volverá levar o peso do gol no conxunto branquiazul. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Lucas Pérez volverá levar o peso do gol no conxunto branquiazul. (Foto: RC Deportivo).

Volve o fútbol á Primeira Federación, que trae como prato forte o segundo partido da era Lucas Pérez no Deportivo da Coruña despois do regreso triunfal do dianteiro de Monelos a pasada fin de semana contra o Unionistas.

A escuadra herculina saltará ao céspede do Estadio de Santo Domingo ás 17 horas da tarde de hoxe cun equipo no que causarán baixa os mancados laterais Raúl García Carnero e Antoñito, o que non é óbice para que o técnico branquiazul, Óscar Cano, considere calquera cousa que non sexa unha vitoria como "unha mala opción".

O Alcorcón  é colíder da terceira categoría con catro puntos de vantaxe sobre un Deportivo que leva desde a quinta xornada de competición sen estar tan cerca da cabeza da clasificación, o único posto que dá acceso directo á Segunda División.

Cuestionado sobre as baixas dos seus dous laterais titulares na rolda de prensa previa ao partido, o adestrador granadino indicou que conta entre o seu cadro de xogadores "con alternativas máis que interesantes" para conformar un once de garantías, que se non hai novidades de última hora deberían integrar Mackay; Villares, Lapeña, Jaime Sánchez, Pablo Martínez; Rubén Díez, Olabe, Isi Gómez; Quiles, Soriano e Lúcas Pérez.

24 horas despois do comezo do Alcorcón-Dépor arrancará en Ferrol o Rácing-Sanse, un encontro que os Diaños Verdes están obrigados a gañar se non queren descolgarse duns postos de play-off que fechan con 30 puntos e aos que axexan Cultural Leonesa (29), Linares (28), Mérida (27) e un Celta B que xoga ás 12 horas de mañá contra o Fuenlabrada no mellor momento da tempada para o filial celeste, que leva nove puntos dos últimos nove posíbeis. 

Por último, pero non menos importante, o Pontevedra quere volver deixar atrás a zona de descenso en Salamanca, polo que encara con ganas o desafío do Unionistas ás 19 horas de hoxe.

O Lugo precisa vencer para non afundirse no pozo

Na categoría de prata, a Segunda División, o único representante da Galiza, o Club Deportivo Lugo, continúa inmerso nunha cadea de finais tras finais dada a súa preocupante situación na clasificación.

Vixésimo con só 21 puntos en 22 partidos, está xa a tres puntos da permanencia, nunha situación análoga á que estaba até hai apenas dous meses o seu rival de mañá (16.15 horas), un Mirandés que chegou a ser último a comezos de novembro.

Desde entón, os casteláns acumularon unha xeira de bos resultados que os elevaron até a zona morna, algo que, como sinalou o preparador albivermello, Fran Justo, "é un exemplo do que é a dinámica desta categoría".

A pesar de ter en contra o factor campo, e a que o Lugo baixa moito as súas prestacións a domicilio, Justo mostrouse convencido de que se están "centrados no obxectivo e no proceso" serán quen de "facer as cousas ben" e "conseguir un impulso importante ante un rival directo".

O liderado, a tiro de pedra para o Dépor feminino

No referente ao fútbol feminino, o Deportivo da Coruña continúa coas súas aspiracións de asaltar definitivamente un liderado que xa saboreou en semanas anteriores e que actualmente ocupa o Eibar (29), que ten un punto de vantaxe sobre a entidade herculina (28).

En contra terán o cansazo subseguinte á longa viaxe que tiveron que afrontar até a cidade andaluza de Granada, onde colisionarán contra o conxunto nazarí ás 12 horas de hoxe. A preparadora branquiazul, Irene Ferreras, afirmou que se ben a viaxe foi moi longa, as 14 ou 15 horas de volta "serán distintas se teñen lugar cos tres puntos".

Comentarios