domingo 17/01/21

Alberto Fernández, sen medo e a toda velocidade polo circuíto da vida

O galego reivindica a súa condición de piloto con diversidade funcional
A máquina sobre a que monta Alberto Fernández é unha Benelli 302R coa que tivo "un amor a primeira vista".  (Foto: J. Trujillo).
A máquina sobre a que monta Alberto Fernández é unha Benelli 302R coa que tivo "un amor a primeira vista". (Foto: J. Trujillo).

Circuit Ricardo Tormo, Cheste, Valencia. As persoas que seguen a carreira arquean a cella con interese ante o desempeño do piloto dunha humilde Benelli 302R de 35 cabalos, que rodeado de monstruosas Kawasakis e Yamahas de 600 e 1.000 centímetros cúbicos que na recta principal alcanzan puntas de velocidade que superan a súa en até 120 quilómetros por hora, trata de compensar esa abismal diferenza arriscando ao máximo en cada curva, mesmo a vida se fose necesario.

Non ten medo, non. Iso perdeuno hai moitos anos, no transcurso dunha infancia durísima marcada polo acoso escolar que padeceu desde os cinco até os 16 anos e que, lonxe de limitarse a ser esa "cousa de nenos" coa que até hai ben pouco se trataban de xustificar esas criminais condutas, sufriu tamén da man de adultos, como un adestrador que chegou a pedirlle aos seus compañeiros de equipo que non o avisasen cando había partido para que non xogase.

E todo por ser diferente. Porque o monfortino Alberto Fernández é unha persoa con diversidade funcional: "Teño problemas de mobilidade no lado dereito do meu corpo, son coxo e da man só movo ben dous dedos, o polgar e o índice".

Afortunadamente, Alberto descubriu no garaxe do seu tío unha vella minimoto de cross que se convertería no seu refuxio, unha zona segura, un santuario no que, como el mesmo di, "en canto subes es igual que o resto". Hoxe loita desde o deporte do motociclismo pola dignidade das persoas con diversidade funcional, que son "diferentes, pero non peores", así como contra vellos conceptos como os de minusvalía e discapacidade, "porque tanto 'minus' como 'dis' son prefixos que significan menos ou negación, e cando xa se etiqueta unha persoa como inferior na propia linguaxe só polo feito existir e ser diferente, acaba por crer que o é".

Un soño feito realidade

2020, pandemias á parte, foi un ano inesquecíbel para Alberto Fernández, pois foi quen de facer realidade o seu soño de debutar nunha competición, para o que tivo que afrontar unha serie de obstáculos que por momentos pareceron insuperábeis.

O máis importante foi o da epilepsia "descontrolada", que comezou a afectarlle con só 22 anos e que o obrigou a deixar de lado a súa gran paixón por cuestións de seguridade. Pasou moito tempo afastado de calquera tipo de vehículo, pero un bo día esas crises epilépticas remitiron até desaparecer, e logo de 18 meses sen padecelas tomou a determinación de volver subir a unha moto.

E non a unha calquera, senón a esa Benelli 302R, "a miña nena", como el a chama, que adquiriu en xaneiro pasado e da que se namorou despois de ver "o fantástico paso por curva que tiña". Viu o potencial que agochaba e decidiu adaptar esa moto "de calle" -como se di no mundiño- para competir nos circuítos de carreiras, para o que contou "coa axuda inestimábel de Padín, que ten o taller Dezaracing en Sanxenxo, e de Alberto, que leva o bar Biker's en Compostela".

Co seu apoio e o da fundación Pilotos Capacitados conseguiu estar o 13 de setembro no Ricardo Tormo de Cheste para participar na Handy-Esbk, o punto de partida dunha, con toda seguridade, longa carreira deportiva para Alberto Fernández.

O apoio de empresas patrocinadoras, chave para que Alberto poida correr no ano 2021

A súa participación na carreira Handy-Esbk de Cheste foi só o comezo para Alberto Fernández: "Isto acaba de empezar". Non obstante, para que a súa historia de superación poida seguir medrando o piloto galego necesita todo o apoio posíbel, e iso no mundo do motor significa cartos en forma de patrocinios, que irán destinados a pagar melloras na moto, viaxes... Por iso lembra que calquera empresa que queira axudalo pode localizalo no seu perfil público de Facebook.

comentarios