Alba Rodríguez, xogadora: "O resultado mostra o moi bo traballo que se fixo"

Nós Diario conversa con Alba Rodríguez, xogadora da selección feminina e do Auriense, sobre o Campionato Europeo de Fútbol Gaélico fechou esta fin de semana outra páxina para a historia da Irmandiña.
A xogadora da selección galega, Alba Rodríguez (Foto: Nós Diario)
photo_camera A xogadora da selección galega, Alba Rodríguez (Foto: Nós Diario)

Como viviu este Campionato galego tendo en conta que se realizou na casa?
A verdade é que foi espectacular. O mellor do torneo desde logo foi o ambiente. A preparación, polo feito de organizarse aquí, foi moi especial. A xente da asociación e de todos os equipos involucrouse moitísimo para que todo saíra en e que as xogadoras e os xogadores tivésemos todas as comodidades para que nos preocupásemos exclusivamente do deportivo. Alén diso, o ambiente que hai no equipo feminino é marabilloso.

Pablo fixo un esforzo titánico nos últimos tres meses, xestionando o grupo de rapazas e dedicándolle tempo mesmo ao desenvolvemento individual de cada unha de nós. O resultado mostra o moi bo traballo que se fixo. Todo isto malia vir dunhas tempadas difíciles coa pandemia que puxo atranco na consecución de xogadoras. Agardemos que nos dea un bo impulso para que máis xente practique o gaélico.   

Satisfeita no ámbito deportivo? Non houbo nervios?
Saímos todas moi concentradas e co moitas ganas de facer o noso xogo. O ambiente deunos ese empurronciño e cando as cousas se puñan un pouco complexas sempre nos deron un extra para esa carreira que pensas que non dás mais co apoio da xente sempre fas.

Estabamos tranquilas e coas ideas claras. Finalmente as francesas son un moi bo equipo e faltounos un chisco de sorte en certas accións puntuais e non caeu a moeda do noso lado nesta ocasión. 

Preparada para os vindeiros retos coa Irmandiña?
De cara á vindeira tempada teremos que ir vendo como organizarnos. De momento a Asociación galega de Fútbol Gaélico non comunicou ningún calendario mais a idea é tratar que a máxima cantidade posíbel de equipos saian, xoguen e participen nas competicións organizadas por ela.

Ogallá poidamos ter competicións de nove

Ogallá poidamos ter competicións de nove. Tradicionalmente a nosa liga é de sete contra sete e todos os torneos internacionais tenden a ser sempre de nove. Sería unha axuda fantástica poder competir máis coa formación que é máis común en Europa. 

Como ve a liga galega? Está consolidada?
A pandemia pasou factura a nivel de número de fichas e estamos nesa busca de captar máis xogadora coa intención de que se poidan presentar máis equipos, cun número maior de participantes. Desde a asociación traballarase para facilitar ao máximo que sexa así. A liga está consolidada mais sempre hai unha variación de equipos un pouco sempre en función do número de xogadoras.   

O seguimento televisivo que houbo deste campionato favoreceu a difusión deste deporte?
Desde logo. Como exemplo temos cando en 2017 no Campus de Ourense tivo lugar un amigábel entre nós e Francia. A raíz dese encontro incorporouse moita xente aos equipos galegos. Gustaríanos que este ano sucedese algo semellante. Foi ese un dos motivos polos que se quería facer este torneo e emitilo na TVG e ademais por streaming. Ogallá notemos un aumento de fichas de cara ao mes de setembro deste ano.

Hai facilidades por parte dos clubs?
Si e ademais están repartidos por toda a xeografía galega. No caso dos rapaces incorpóranse a partir dos 16 anos e as rapazas a partir dos 14 anos. Ademais están as Gaélicoescolas nas que se está a traballar para ideades máis pequenas. Hai campamentos en Gondomar e en Compostela. En Ourense hai unha escola deportiva nun colexio. 

Comentarios