Alba Rodríguez: "O fútbol gaélico engancha. É dinámico, divertido e fácil de xogar"

Os clubs da liga galega feminina de fútbol gaélico fan un chamamento para sumar xogadoras e ampliar os seus equipos. Alba Rodríguez, do Auriense FG e internacional coa selección da Galiza, explica a Nós Diario como chegou a este deporte e as características que fan que sexa tan atractivo. 
A xogadora Alba Rodríguez coa camiseta da selección, xunto ás cores do seu equipo (Auriense FG).
photo_camera A xogadora Alba Rodríguez coa camiseta da selección, xunto ás cores do seu equipo (Foto: Auriense FG).

Como entrou en contacto co fútbol gaélico?

Estiven traballando cunha familia en Irlanda, coidando os seus fillos algo máis de un ano, e vivindo alí coñecín o fútbol gaélico, mais sen chegar a practicalo. Cando volvín a Ourense descubrín que había un equipo na cidade e animeime. 

Gustoume moito que fora dinámico. Xógalo cos pés, coas mans,... podes marcar con ambas as extremidades e iso é divertido. Non precisas ter moita precisión cos pés, como acontece co fútbol, nin ter puntería, como acontece co baloncesto. Pareceume un deporte moi completo no que empregabas todo e permitíache unha maior diversión. 

Tamén é importante, por suposto, o terceiro tempo. Xogas e compites contra outras rapazas e despois tomas algo con elas e fas piña. Por outro lado tes a posibilidade de viaxar. Con este deporte compites na Galiza a nivel de liga mais despois podes desprazarte a torneos a nivel Iberia e é moito máis fácil xogar tamén a nivel europeo.

Viña doutros deportes?

Non. Fixera algo de pequena na escola mais ao chegar á universidade deixeino. Nunca estivera federada até chegar, con 25 anos, ao gaélico. 

Logo viñeron os éxitos internacionais. Foron importantes?

Desde logo. Foi moi bonito participar no torneo europeo de An Oriant, no que fomos campioas, como noutros, como o que tivo lugar en Abu Dhabi. Son experiencias que che permiten coñecer xente.

Que facilidades ten este deporte para quen queira achegarse por primeira vez?

Fixeras o deporte que fixeras, a adaptación ao gaélico é moi sinxela. O mellor é probalo e descubrir que é moi divertido. Engancha, diría eu, por ser moi fácil de xogar. Nos vindeiros tres meses temos pensado organizar torneos por toda a Galiza coa idea de que se acheguen as rapazas e os rapaces a probar, aínda que veñan sen equipo. Explicarémoslles as normas un pouco antes de cada partido e xogando é como mellor se aprende. Queremos captar a máxima cantidade de xente posíbel para que nos permita dar un salto de calidade e poder xogar a liga a nove. Agora mesmo estámola xogando a sete.

Queremos captar a máxima cantidade de xente posíbel

Que significaría ese cambio?

O deporte orixinal en Irlanda xógase a 15 mais aquí, por adaptación aos campos galegos, xógase a nove. Tanto masculino como mixto xóganse a nove, mais no caso do feminino pola redución de fichas e xente dispoñíbel tivemos que optar por ese número para contar cunha maior variedade de equipos. Pensamos que cando competimos fóra, como é o caso da selección, é a nove o noso interese segue a ser ter torneos con ese número de xogadoras. Para que aconteza precisamos que todos os equipos polo menos conten con 11 rapazas dispoñíbeis en cada partido. 

Como será esta tempada a liga feminina galega deste deporte?

Agora estamos seis equipos e se todo vai ben comezaremos a competición en xaneiro. A intención é tentar chegar a xogar a nove, mais se non o conseguimos seguiremos como estamos neste momento. Somos o Auriense de Ourense, o Estrela Vermella de Compostela, as Herdeiras de Dhais de Lalín, as Fillas de Breogán da Coruña, o Turonia de Gondomar e o Independente de Vigo. Algúns equipos levan varias tempadas sen xogar, como foi o caso do outro equipo da Coruña e o que había no Grove.  

Que significou para o Auriense a colaboración coa Universidade de Vigo? 

Para nós, como Auriense, foi fundamental estar baixo o paraugas da Universidade para poder medrar. O feito de empregar as súas instalacións fixo que moita máis xente tivera a posibilidade de vir adestrar de maneira constante e é unha maneira de captación e dar a coñecer este deporte. Sobre todo ás de primeiro ano, que chegan a Ourense e están un pouco máis abertas a coñecer xente, con este deporte, que ten os terceiros tempos, poden sociabilizar.

Sería desexábel que este deporte tamén entrase nos colexios e institutos?

Desde a Asociación de Fútbol Gaélico están traballando no desenvolvemento de "Gaélico escolas" que este ano comezou a primeira experiencia en Gondomar, co apoio de PuntoGal. A base, para que este deporte continúe, está na súa introdución nos centros educativos.

Comentarios