O Alavés derrota a sombra do Celta

Un gran conxunto branquiazul imponse con merecemento en Mendizorroza a un Celta irrecoñecíbel. Adeus ao soño da Copa.

celta alavés
photo_camera Imaxe: RC Celta

Un Alavés intenso, enchufado, crendo en si propio e un Celta irrecoñecíbel que parecía unha sombra da equipa que marabillou coa súa aposta no fútbol nestas últimas tempadas. Gañaron os gazteitarras e ademais gañaron merecidamente. Un simple gol na volta desta semifinal da Copa supuña todo ou nada. Ambas equipas asumían ese reto. E foi o todo para o Alavés e o nada para o Celta, que dixo adeus ao soño da Copa. Os celestes farían ben en non deixarse levar pola tristura da derrota: continúan vivos en Europa e na Liga.

Desde o minuto 1 o Alavés deixou claro que ía a polo partido. Intensidade, presión, esforzo. O pulo da afección vasca, que fixo de Mendizorroza o xogador número 12, exemplar. O Celta non estivo cómodo e iso notouse. Non tiña a pelota e o Alavés afogaba. Non había grandes oportunidades mais o Alavés estaba máis cómodo sobre o céspede que os celestes. Cando o Celta logou fiar unha xogada, o perigo sobrevoaba a área vasca. Mais foron fabas contadas.

A segunda metade mantívose nos mesmos parámetros. O Alavés semellaba non pagar o seu enorme esforzo físico e mantiña o xogo de presión e acoso, intenso. O Celta continuaba sen estar cómodo. A menos de dez minutos do final chegou o gol de Edgar, que acababa de entrar para substituír Toquero. O vaso medio cheo dicía que estabamos coma antes: un gol e pasaba o Celta; o vaso medio baleiro que había que dicir adeus á Copa. Entraron Guidetti e Rossi mais non houbo xeito. Tampouco foi desta o título que procura o Celta.

Os máis de 600 seareiros galegos que se desprazaron até Mendizorroza para apoiar o Celta despediron con aplausos e 'A Rianxeira' un equipo que moitos apenas recoñeceron neste partido. Unha nova mostra de grandeza dunha afección sen a que non se pode entender o Celta, xogue este como xogue.

Ficha técnica

Alavés (1): Pacheco, Femenía, Laguardia, Feddal, Theo, Llorente, Camarasa, Manu, Ibai (Vigaray, min.86), Toquero (Edgar, min.78), Deyverson.

Celta (0): Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny, Marcelo Díaz (Guidetti, min.81), Radoja, Pablo Hernández, Wass (Rossi, min.85), Bongonda (Sisto, min.73), Iago Aspas.

 Goles: Edgar, 1-0, min.81.

 Árbitro: Mateu Lahoz, do comité valenciano. Amoestou Feddal (Alavés); Iago Aspas, Marcelo Díaz (Celta).

Comentarios