A afección esixe saber onde están os trofeos do Club Deportivo Ourense

O BNG leva hoxe a pleno a cuestión do seu paradoiro
Entre as copas desaparecidas brillan o Luís Otero e a Copa Federación. (Foto: RFEF).
photo_camera Entre as copas desaparecidas brillan o Luís Otero e a Copa Federación. (Foto: RFEF).

En 1966, pouco antes da disputa da Copa do Mundo de fútbol, o trofeo -por aquel entón aínda coñecido como copa Jules Rimet-, desapareceu a mans dun ladrón, que esixiu un rescate de 15.000 libras. Non obstante, sete días despois o canciño Pickles localizouno agochado a carón dunha árbore, tornando nun heroe nacional.

Pode que o seu análogo galego, en comparación, non resulte un caso tan atractivo mediáticamente, pero os e as seguidoras do extinto Club Deportivo Ourense, o que fora principal equipo da Cidade das Burgas desde a súa fundación en 1952 e que foi liquidado oficialmente en 2015 a causa das débedas, esixen saber onde se atopan os trofeos que gañou ao longo das súas máis de seis décadas en activo.

Tanto é así que o BNG, da man do seu voceiro provincial, Bernardo Varela, vén de solicitar á Deputación de Ourense "que aclare publicamente onde están esas copas e trofeos", cuestión á que o organismo presidido por José Manuel Baltar podería contestar -ou non- no pleno da instutición previsto para o día de hoxe.

Segundo explicou Varela a Nós Diario, "logo da bancarrota do Club Deportivo Ourense abriuse un proceso concursal no que, entre outras cousas, foron almoedadas todas as copas e trofeos".

"Nesa poxa pública de 2015 a oferta da Deputación de Ourense foi superior á da Unión Deportiva Ourense (UDO), escuadra herdeira espiritual do desaparecido CD Ourense e á que foron a parar boa parte dos socios e dos xogadores", engadiu.

Ese palmarés que quedou en mans do ente provincial inclúe, entre outros, a Copa Real Federación Española de Fútbol gañada en 204, dous Luís Otero -incluída a primeira edición do histórico torneo de verán, disputada en 1959-, oito trofeos de Terceira División, dous de Subcampión de Segunda División B, sete copas de segundo clasificado de Terceira División e un trofeo do Campionato Galego de Afeccionados.

Nada se sabe desde aquela duns trofeos que, como afirma Bernardo Varela "teñen máis valor sentimental que económico, pero que non por iso deben estar en paradoiro descoñecido".

Polo tanto, ademais de respostas inmediatas sobre a súa localización, esixen que, aproveitando as obras de remodelación do estadio do Couto, habiliten un espazo "para poder exhibir ese legado deportivo de Ourense".

Comentarios