A afección do Dépor pide "reacción" ao club

A Federación de Peñas lembra as "leccións" que dan apoiando o equipo e demanda ao club que efectúe cambios.
Seareiros do Dépor seguindo a xogada de Lucas Pérez esta fin de semana en Salamanca (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Seareiros do Dépor seguindo a xogada de Lucas Pérez esta fin de semana en Salamanca. (Foto: RC Deportivo)

A derrota do Dépor esta pasada fin de semana diante do Unionistas de Salamanca doeu na afección, no club e no vestiario. As saídas do equipo non están rendendo como se agardaba e os números comezan a non dar para continuar na loita polo ascenso. Cinco puntos en cinco xornadas fixeron que os de Óscar Cano estean agora mesmo cuartos, con 54 puntos, e tendo rivais directos como o Racing e o Córdoba cun partido menos. 

Desde a Federación de Peñas Deportivistas, o seu vogal e presidente da peña Perla de Arousa (Vilagarcía), Adrián Alcalde, explica a Nós Diario que a afección achégalles un sentimento de “impotencia, dureza e cabreo por ver que se perde todo o que se gaña na casa” cando os partidos se xogan fóra “e o equipo é totalmente distinto”. Este directivo lembra que o club “leva, con este, tres anos en Segunda B. Hai nervios”, coa particularidade de que, estando perto do liderado, “cada vez que hai unha oportunidade de asaltalo volves tropezar”. 

Para a federación, o feito de que coincidan os malos resultados cos dous desprazamentos masivos “onde a xente gastou moito diñeiro, moitas horas e moitos quilómetros” empeora a percepción. Por este motivo Adrián Alcalde “entende” o malestar que hai na afección. “Merecemos estar noutra categoría e non nesta que é dura para todo o deportivismo”, sinala.

Leccións da afección

O vogal da federación apunta o bo comportamento da afección, “que está dando unhas leccións enormes cada partido, dentro ou fóra da casa”. Recorda o récord de socias e socios que se obtivo esta tempada, “malia que non nos regalan os carnés”.

No positivo, recoñece que o club herculino puxo en marcha iniciativas que partiron desde a propia federación e que funcionaron, “por exemplo, facer un carné para xente máis nova, conseguindo que aumentaran en menores de 18 anos nun 50%”. A idea é que “o deportivismo medre nun futuro e para iso é fundamental contar coas novas xeracións”. 

O equipo quere pasar páxina

No vestiario queren pasar páxina do acontecido en Salamanca. Por parte dos xogadores, o expulsado Roberto Olabe fixo pública unha mensaxe nas redes sociais, ao día seguinte do encontro, na que pedía perdón polo seu comportamento no campo e fóra del. O centrocampista, fundamental no equipo, rompeu unha porta do estadio e, ademais da sanción por dobre cartón amarelo, podería ter un castigo maior por contemplar o árbitro esa acción na súa acta. 

Desde o corpo técnico, Óscar Cano traballou co grupo o domingo e volverá hoxe ter contacto cos xogadores para preparar o partido diante do Fuenlabrada en Riazor (sábado, 8 de abril, ás 19 horas). O adestrador andaluz, en declaracións posteriores ao partido de Salamanca, sinalaba que quere "canto antes esquecer o resultado, porque o fútbol dá unha oportunidade novamente a fin de semana seguinte. Hai que corrixir o que non fixemos ben e valorar, desde este momento, o partido ante o Fuenlabrada". 

Por parte do club, polo de agora non hai ningún movemento público que sinale algún cambio no responsábel técnico do vestiario, unha das peticións que están a achegar desde a propia afección. A entidade publicou, a través da súa canle habitual, o plan semanal con adestramentos en Abegondo e en Riazor até o propio sábado que ten unha nova cita na Coruña.

Comentarios