Nun encontro contra o israelí Hapoel Be'er Sheva

A afección do Celtic desafía a UEFA ondeando bandeiras palestinas

As bancadas de Celtic Park luciron as bandeiras de Palestina en defensa deste pobo durante un encontro clasificatorio para Champions League fronte ao conxunto israelí Hapoel Be’er Sheva, enfrontándose a unha sanción da UEFA.

Fans do Celtic erguendo bandeiras palestinas
photo_camera Fans do Celtic erguendo bandeiras palestinas.

O Celtic de Glasgow xogaba fronte o Hapoel Be’er Sheva, de Israel e os seus afeccionados decidiron aproveitar o momento para mostrar o seu apoio ao pobo palestino e solicitar a súa liberación, nun marco de máxima audiencia. Un feito, porén, que penaliza a UEFA ao non permitir simboloxía política nos estadios de fútbol nas competicións que organiza o organismo, como é a Champions League, da que se disputaba a fase de clasificación, nun encontro que gañaron os locales por 5 a 2.

No encontro foron despregadas máis de trinta bandeiras, na esquina dun dos fondos de Celtic Park. Os seareiros foran advertidos previamente da prohibición e mesmo a policía escocesa procedeu a retirar bandeiras nas proximidades do estadio. Con todo, parte da afección reaccionou mostrando as bandeiras do pobo palestino, en simbolo de rexeitamento cara a opresión israelí.

O Celtic Football Club enfróntase, agora, a unha sanción que pode supor unha multa económica e mesmo a clausura do seu estadio. Isto obrigaríaos a xogar un número de partidos, a decisión do comité disciplinario do organismo rector do fútbol europeo, a porta fechada e sen afección nas bancadas.

Comentarios