"@s seareir@s están coa equipa e co treinador", di o editor de MeuCelta.com

O mundo do celtismo ten un lugar de encontro na rede na nosa lingua. O portal meuCelta.com quere achegarlle a información do histórico clube en galego.
Adrián R. Bravo
photo_camera Adrián R. Bravo

Como xurdiu a idea de crear meuCelta.com?

meuCelta.com naceu este verán como unha iniciativa entre amigos e amigas após ver que non había un portal web de información sobre o RC Celta de Vigo en galego. Comezou coas redes sociais, en Twitter, e agora temos unha páxina dixital con máis de 1.000 visitas propias por día. Compaxinamos a súa actualización con traballo e estudos.

Levar un portal web como o meuCelta.com implica ter moita relación co clube. Que tal é o trato neste sentido?

Nós agora non temos posibilidade de acceder ás conferencias de imprensa. Mandámoslle un escrito máis non recibimos resposta. Non insistimos tampouco.

Que tal vedes ao Celta no seu regreso a primeira?

Estamos a facer un xogo moi bo mais falta o gol. O verdadeiro problema do Celta este ano é o gol. Temos unha moi boa equipa e un grandioso treinador mais falta meter o gol.

Levamos cinco anos en Segunda e Paco Herrera foi quen nos levou a Primeira

Ten equipa como para conseguir a permanencia?

Si, por suposto.

O vindeiro partido Borja Oubiña non poderá xogar por acumulación de cartóns amarelos...

Pensamos que hai xogadores de abondo para substituír a Borja. Podería ser o propio Natxo Insa ou un central como Gustavo Cabral ou Jonathan Vila.

Que tal están os ánimos entre @s siareir@s perante o que fica de tempada?

Hoxe mesmo temos no noso portal web un vídeo da quedada de hoxe con douscentos seareir@s. @s seareir@s están coa equipa e co treinador e a semana pasada igual. Levamos cinco anos en Segunda e Paco Herrera foi quen nos levou a Primeira.

Unha das fichaxes mediáticas foi a de Park. Que pensas do seu rendemento?

Veu en horas baixas. Habería que darlle máis horas de xogo mais se Herrera non o pon máis minutos será por non ter o nivel. Agora con Orellana aínda vai ser máis difícil.

Agora Fernando Vázquez é treinador do Depor...

Alégrome polo Depor e por Fernando Vázquez para que o saquen do pozo, aínda que é un rival directo. Coido que se pode salvar.

E a polémicas nas redes sociais sobre este tema?

Hai rivalidade mais ten que ser sa. Eu quero as dúas equipas en Primeira División. É o mellor para o deporte galego.

Comentarios