Adrián Ben terá o dorsal 1 na proba "Os 10.000 peregrinos"

Atletas de alto nivel participarán na iniciativa organizada pola Deputación da Coruña en Santiago.
O atleta de Viveiro, Adrián Ben, estará en Santiago o 16 de abril (Foto: Adidas).
photo_camera O atleta de Viveiro, Adrián Ben, estará en Santiago o 16 de abril (Foto: Adidas).

O atleta viveirense Adrián Ben Montenegro, recentemente proclamado campión de Europa de 800 metros en Istambul (Turquía), levará o dorsal número 1 da carreira "Os 10.000 peregrinos" que organiza a Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago o vindeiro 16 de abril.

Cunha mensaxe difundida a través das redes sociais e gravada desde Sudáfrica, onde está adestrando na actualidade, Adrián Ben anima ás afeccionadas e aos afeccionados ao atletismo a "a correr en Santiago o 16 de abril" e  a "celebralo todos xuntos na praza do Obradoiro".

Ademáis de Ben, na carreira participarán atletas de primeiro nivel como Tariku Novales, Irene Sánchez, Cristina Ruiz, Esther Navarrete, Daniel Arce ou Fernando Carro.

Probas diferentes 

Os 10.000 peregrinos, na procura de ser o gran evento do atletismo galego, realizará distintas probas. Desde a organización sinalan que se prepararon coa intención de crear circuítos de carácter "inclusivo" e de marcado itinerario turístico.

Por este motivo, haberá  carreiras 10 e 5 quilómetros, homologadas pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA), unha de dous quilómetros en ruta e unha andaina de cinco quilómetros en ruta. A saída de todas as probas será desde a rúa San Francisco da capital e a meta estará localizada na Praza do Obradoiro. 

Ao feche desta edición había xa 1.300 persoas inscritas para a proba de 10 quilómetros, 8oo para a a de 5 quilómetros, 600 na de 2 quilómetros e, por último, 300 na andaina.

Categorías e premios

Pensada para todos os públicos, na proba haberá distintas categorías en función da idade das e dos participantes así como na data do seu nacemento, desde alevíns (entre 2012 e 2013) até Máster 4 (en 1962 ou en anos anteriores). Tamén haberá un percorrido especial que constará de dous quilómetros non homologado para escolares. 

As seis primeiras persoas clasificadas ao remate obterán un trofeo e un premio económico segundo o seu posto na carreira. As recompensas que se distribuirán oscilan entre os 900 euros (para o primeiro posto) até os 150 euros (para o sexto). A entrega dos mesmos terá lugar na céntrica Praza do Obradoiro de Santiago.

Comentarios