Atletismo

Adrián Ben, quinta mellor marca europea nos 3.000

O de Viveiro asina o seu mellor rexistro persoal.
Ben demostra unha gran forma de cara ao inminente Europeo. (Foto: FGA)
photo_camera Ben demostra unha gran forma de cara ao inminente Europeo. (Foto: FGA)

O atleta galego Adrián Ben continúa facendo alarde do seu bo estado de forma. Nun control técnico da Federación Galega de Atletismo (FGA) levado a cabo en Ourense vén de asinar a súa mellor marca persoal nos 3.000 metros lisos, con 7.53.66.

Ese gran rexistro, o mellor no que vai de tempada no Estado español e o quinto de todo o continente, certifica a polivalencia dun deportista que até o de agora onde máis brillou foi nos 1.500 e nos 800 metros, disciplina na que xa conta coa mínima olímpica de cara aos Xogos Olímpicos de París 2024.

Trofeo de Copa para Celta e Ximnástica de Pontevedra

Horas antes, no mesmo tartán do recinto de Expourense sobre o que voou Adrián Ben, Atletismo Celta na categoría feminina e Sociedade Ximnástica de Pontevedra na masculina fixeron bos os prognósticos e lograron imporse nunha nova edición da Copa Xunta da Galiza de Clubs de pista cuberta.

Os pontevedreses lograron sumar un novo título copeiro logo de rematar a competición cun total de 90,5 puntos, o que lles permite ampliar unha formidábel xeira consecutiva de 10 copas gañadas. Nesta ocasión, o seu éxito estivo cimentado nas vitorias parciais tanto de Víctor Gallego en peso como de Anxo Blanco en triplo, Carlos Porto nos 3.000 e a do sevillano Alfonso García en altura.

Xunto aos gañadores, o Real Club Celta ocupou o segundo lugar do podio logo de sumar 86,5 puntos e o Atletismo Santiago facía o propio no terceiro lugar cun total de 63.

No ámbito das mulleres tampouco saltou a sorpresa, cun Celta Feminino comandando comodamente un encontro no que chegou a un total de 85 puntos, grazas, en parte, aos triunfos parciais na proba das remudas, de Andrea Pais nos 200 metros, Esther Navarrete nos 3.000 e das atletas filiais Lola Bouza na pértega e da plusmarquista galega Ainhoa Repáraz nos 60 metros. Esta é a novena vez que as celestes logran este título, erixíndose como as grandes dominadoras do mesmo.

Acompañando ao Celta estiveron en zona de podio as pontevedresas da Ximnástica -a 14 puntos- e o Ría Ferrol no terceiro lugar a 16, formando parte dunha cerimonia de entrega de metais coa  que se puxo punto e feche a unha gran xornada para o atletismo da Galiza.

Comentarios