Adiaratou Iglesias conságrase como a máis rápida de Galiza

Vitorias en 100 e 200 no Campionato Galego, a poucas semanas de viaxar a Toquio.
adi_iglesias2_instagram
photo_camera A lucense Adi Iglesias é unha das galegas que irán a Toquio 2020 (Foto: Adiaratou Iglesias / Instagram)

Adi Iglesias, do Lucus Caixa Rural, e Mauro Triana, do Playas de Castellón, impuxéronse nas probas de velocidade, tanto en 100 metros como en 200 metros, do Campionato Galego de Atletismo disputado a fin de semana en Vigo. Para a lucense ademais este era un dos últimos tests de cara aos Xogos Paralímpicos.

Outra das probas máis agardadas foi os 400 metros, coa presenza de Jacobo Soler, do Rías Baixas,  recentemente chegado do europeo Sub23, e o céltico Pedro Juncal, ambos os dous cunha máxima igualdade sobre a distancia. Finalmente, o triunfo foi para Soler cunha marca de 47.71 por 47.74 de Juncal.

Outro internacional Sub23 en Tallín, Elian Numa López, do Coruña Comarca, dominou comodamente os 800 metros cun tempo de 1:52.29. Na carreira feminina da distancia, a atleta do Lucus Laura Santos fíxose co outro cun tempo de 2:16.82. Tamén vencía en 1.500 metros, con 4:34.43. Nesta distancia, na categoría masculina, Pablo Bocelo, do Coruña Comarca, impoñíase con 4:00.62.

Esteban Vila do Lucus Caixa Rural foi outros dos atletas destacados do campionato gañando tanto nos 3.000 obstáculos, con 9:16.77, como nos 5.000 con, 14:34.18. A internacional do Comesaña Sandra Mosquera, con 18:16.54, proclamábase campioa galega, nunha carreira gañada pola venezolana Edymar Brea do Ourense Atletismo. Ana García do ADAS Proinor facía o propio sobre os obstáculos con 11:03.58

Nos valos, Lucía Ferrer, da Gimnástica, venceu nos 110 metros; e Lucía Rivadulla, do Ría Ferrol, nos 400 metros. En categoría masculina, o venezolano Gerson Vidal Izaguirre, do Narón, foi o máis rápido nos valos curtos, nun sector no que o protagonista foi o lucense do Lucus Santi Rozas, que logrou os títulos galegos tanto dos 110 (14.60) como dos 400 (55.99).

Récord do mundo 

Un dos momentos destacados da competición foi cando o veterano atleta máster M80 Pepín Rioseco, do Atletismo Narón,  estabelecía un crono de 5:56.93 quen na proba de milla en pista, que mellora os 6:22.69 da anterior plusmarca mundial en posesión do madrileño Manuel Alonso desde o ano 2017.

Ademais, o carismático e apreciado lanzador Victor Gallego recibiu unha homenaxe por ser o atleta con mais títulos galegos conseguidos da historia. 

Comentarios