Adeus a Juan Carlos Padín, home chave no fútbol feminino galego

Responsábel dos anos dourados do Olivo de Vigo
Padín, rodeado por xogadoras do Olivo (Foto: FGF).
photo_camera Padín, rodeado por xogadoras do Olivo (Foto: FGF).

O fútbol galego, e en especial o feminino, están de loito logo do falecemento do que fora un dos seus grandes impulsores no sur do país, Juan Carlos Padín.

Home que apostou decididamente p0la integración das rapazas no deporte rei, na súa condición de presidente da Federación de Peñas Recreativas O Olivo decidiu que as mulleres tiñan que xogar un papel tan importante como o dos seus compañeiros na agrupación.

A partir de aí naceu unha grande historia, a do primeiro equipo vigués en xogar na máxima categoría do fútbol feminino a nivel estatal.

O Olivo converteuse así nun referente do fútbol feminino galego e, grazas a aquela aposta de Juan Carlos Padín, hoxe a Galiza conta cun número de equipos e de licenzas femininas moi superior ao dos tempos de gloria deste histórico equipo desaparecido no ano 2018.

Anaïr Lomba, 'Lombi', ex xogadora profesional en equipos do calibre de Barcelona, Espanyol ou Valencia, pero que militou durante seis tempadas na disciplina do Olivo, realizou un pequeno tributo ao desaparecido Juan Carlos Padín na súa conta de Twitter destacando que "O Olivo sempre foi el. Por iso o equipo desapareceu cando el se fixo a un lado". 

"Foi máis que un avó para min, e hoxe leva con el todo o que quedaba dese verde (en referencia á cor da camisola do Oliva). DEP, Padincho. Quérote, avó", continuaba.

Institucións como a Federación Galega de Fútbol ou a Secretaría Xeral para o Deporte tamén realizaron o seu particular tributo a Padín, definíndoo como "un home entregado, traballador e apaixonado polo deporte galego que sempre daba o 100%". 

Comentarios