Acordo unánime no Parlamento para pedir ao Estado que rebaixe o IVE do deporte a 10%

O PP reclama a baixada dun imposto subido polos populares en 2012
A deputada popular Guadalupe Murillo (Foto: PP).
photo_camera A deputada popular Guadalupe Murillo (Foto: PP).

Os grupos da Cámara galega chegaron a un acordo para pedir ao Estado que rebaixe o tipo do imposto do valor engadido (IVE) de 21% a 10% en todas as prestacións de servizo deportivas e actividades físicas prestadas por persoas físicas que non estean xa exentas pola normativa. Ademais, tamén solicitaron que se inclúa o sector nos plans e accións de axudas directas para paliar as consecuencias económicas derivadas da paralización ou diminución da actividade debido ás restricións.

O texto aprobado, despois dunha transacción entre PP e PSdeG, partiu dunha proposición non de lei defendida pola deputada popular Guadalupe Murillo, quen sostivo que "aínda que este sector non sae á rúa, é un dos máis afectados" pola pandemia da Covid-19.

"Os beneficios desta actividade para a saúde son evidentes", afirmou a parlamentaria do PPdeG, quen lamentou que esta sexa unha das ramas da economía "que máis está a tardar en recuperarse".

Así mesmo, e nun contexto no que "Galiza é a cuarta comunidade con máis empresas" dedicadas a este sector, considerou necesario apoiar o deporte e promocionar o seu consumo e práctica, polo que a redución do IVE "pode ser unha das chaves da súa próxima reactivación, pois fará o servizo moito máis atractivo para a poboación".

Rodríguez Rumbo critica o modo de actuar do PP

Aínda que os socialistas apoiaron a petición, durante o debate a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo afeoulle ao Grupo Parlamentario Popular que reclamase "a baixada dun imposto que a súa formación subiu en 2012", cuestión que a propia Guadalupe Murillo enmarcou "na crise económica que se rexistraba naquel momento".

A maiores, Rodríguez Rumbo, quen coincidiu coa parlamentaria do PPdeG ao por en valor os beneficios da actividade deportiva, criticou que os populares votasen en contra de baixar este imposto en 2018 no Congreso: "Cando o PP goberna toma medidas para diminuír os dereitos da cidadanía e precarizar os servizos".

O BNG demanda da Xunta máis "autoexixencia" 

Pola súa banda, o deputado do BNG Daniel Castro trasladou o seu apoio á proposición por considerar que se trata dunha idea "beneficiosa para un sector que sofre as consecuencias da pandemia". Con todo, emprazou os populares a ter o mesmo nivel de "autoexixencia" na xestión da Xunta que a que reclaman doutras administracións.

Comentarios