O acerto nos penaltis permite a Dépor e Lugo seguir avante na Copa do Rei

Os coruñeses apearon o Córdoba (2-2) tras 28 penaltis; mentres que a escadra lucense superou o Mirandés (1-1) tamén desde os 11 metros

Os dous clubs galegos en Segunda División, Deportivo da Coruña e CD Lugo, pasan á seguinte ronda na Copa do Rei. Os do Lugo deixaron fóra desta competición a unha das equipas que nos últimos anos se fixeran un nome neste torneo, o Mirandés, nun intenso partido no Anxo Carro. Os coruñeses, que empataron a dous co Córdoba, puxeron a proba os nervios: até 28 penaltis se lanzaron.

No Córdoba-Deportivo lanzáronse 28 penaltis. Para tronzar os nervios do máis experimentado.

Fernando Vázquez afirmara a principios de semana que co plantel que tiña nesta temporada, a Copa do Rei non era unha cita na que o equipo puidese, por dicir así, empregarse a fondo. Mais os coruñeses, cunha alineación chea de canteiráns, fixérono neste encontro contra o Córdoba. O partido acabou con empate a dous goles e o pase ía decidirse desde os 11 metros.

Lanzáronse 28 penaltis. Para tronzar os nervios do máis experimentado. E os rapaces estiveron á altura. E o Depor pasou.

Córdoba: Juan Carlos; Campadabal, Fran Cruz, Bernardo, Samu, Gálvez (Abel, m. 70), Caballero; Pacheco (L. Silva, m. 52), Uli Dávila, Joselu (Pedro, m. 52) e Strahman.

Deportivo: Fabricio; Seoane, Uxío (Deak, m. 27), Álex Bergantiños, Manuel Pablo; Wilk, Teles; Juan Carlos, Bicho (Fornos, m. 87), Cañi (Dani Iglesias, m. 64); e Luis Fernández.

Goles: 1-0, m. 23: Caballero; 1-1, m. 48: Seoane; 1-2, m. 59: Luis Fernández; 2-2, m. 73: Ángel.

Incidencias: Foi expulsado o deportivista Deak (m. 111) e produciuse o debut na equipa coruñesa de Quique Fornos, un central que só ten 16 anos.

O Lugo, con seriedade

Tamén segue adiante o Lugo, que derrotou tamén nos penaltis ao seu contrincante nesta cita, o Mirandés. O partido rematou con empate, 1-1, e iso despois de que os lucenses remontasen, pois o Mirandés comezou marcando, e no minuto 2.

Mais o CD Lugo non perdeu o timón e puxo o ritmo que lle interesaba ao partido. No minuto 22, empatou. E dominou todo o encontro, mesmo con varias ocasións para adiantarse e sentenciar o partido. Non puido ser e houbo que ir aos penaltis. E aí si, os lucenses non perdonaron.

Lugo: Dani Mallo; Víctor Díaz, Tena, Jorge, Manu; Pablo Álvarez (Ernesto, m. 46), Rafa García, Álvaro Peña (Rennella, m. 78), Iago Díaz; Sandaza e Juanjo (Seoane, m. 63).

Mirandés: Dani Jiménez; Iván Malón, César Caneda, Jon Vega, Docal; Lucena, Juan Muñiz (Iván Agustín, m. 49); Barahona (Goiria, m. 67), Muneta, Igor Martínez; e Díaz de Ceri.

Goles: 0-1, m. 3: Juan Muñiz; 1-1, m. 22: Pablo Álvarez.

Un ex do Celta, Real madrid e Liverpool, para o Deportivo

O Deportivo da Coruña incorpora do mercado libre a Antonio Núñez, un volante dianteiro de 34 anos e cunha prolongada traxectoria profesional cuxo último equipo até o de agora foi o Huesca.

Núñez debutou en 2003 no Real Madrid, onde xogou 11 partidos. Dalí pasou o Liverpool (24 partidos desputados) e do clube inglés veu a Galiza, para arribar o Celta, onde xogou 103 partidos en tres temporadas e marcou 8 tantos).

Saído do Celta, xogou no Murcia antes de recalar no Limassol chipriota.


 

Comentarios