A Academia felicita o deporte galego pola súa implicación no Día das Letras

A RAG destaca especialmente o labor do Celta
O Obra vestiu as cores galegas cos nomes das protagonistas das Letras Galegas (Foto: Monbus Obradoiro).
photo_camera O Obra vestiu as cores galegas cos nomes das protagonistas das Letras Galegas (Foto: Monbus Obradoiro).

Derrubando ese muro de incomprensión que en moitas mentes segue separando cultura, deporte, e mesmo país, a Real Academia Galega (RAG) felicitou na súa web oficial a diferentes entidades deportivas da Galiza pola súa implicación co recente Día das Letras Galegas 2021.

A RAG destacou especialmente a campaña levada a cabo por un Celta de Vigo que fixo saltar a celebración das Letras Galegas ao campo no partido disputado o pasado domingo ante o Barcelona, pois o conxunto vigués escribiu no Camp Nou a última páxina dunha conmemoración que a Academia cualificou de "ben orixinal". 

Así, os xogadores celestes realizaron o quecemento previo ao comezo do encontro vestindo unhas camisetas creadas especificamente para celebraren o 17 de maio.

Nestas os termos futbolísticos máis populares en galego substituían nas costas os nomes dos futbolistas, portando Iago Aspas a palabra 'Canear' ou o gardameta Iván Villar outra tamén moi relacionada co seu oficio, 'Luvas'.

A maiores, nos días previos ao compromiso cos cataláns, as distintas estrelas do Celta explicaron a través das distintas canles sociais da escuadra olívica o significado de cada unha das distintas palabras escollidas.

Foron biqueira, luvas, furar, malleira, reviravolta, adestrador, quecemento, sachada, punteirolo, curruncho, afouteza, seareiro, canear, bancada, padiola, e canteira, uns termos que formaron parte dun concurso nos que as afeccionadas puideron avaliar o seu léxico futbolístico.

Por outra banda, a Academia tamén tivo palabras de agradecemento para o Monbus Obradoiro -que vestiu unha camiseta cos nomes de todas as figuras ás que a Real Academia Galega rendeu homenaxe-, o Breogán de Lugo, o Deportivo ou as Federacións Galegas de Fútbol e Atletismo.

Comentarios