Os absolutos de pista cuberta terán 24 atletas da Galiza

Belén Toimil e Adrián Ben formarán parte da expedición galega que competirá esta fin de semana no Campionato de España absoluto de pista cuberta.
Adrián Ben (Foto: Europa Press).
photo_camera Nos 800 metros, Adrián Ben ten posibilidade de medalla (Foto: Europa Press).

A Federación Galega de Atletismo (FGA) confirmou a listaxe completa de atletas que participarán os días 17, 18 e 19 de febreiro no Campionato de España absoluto de pista cuberta que decorrerá nas pistas madrileñas do CDM Gallur.

Serán un total de 24 deportistas en disposición de facer un bo campionato. Entre as bazas máis importantes estará a participación da olímpica e plusmarquista nacional Belén Toimil, nun excelente estado de forma, que lanzaba recentemente até os 18.27 metros polo que é clara favorita para revalidar o título logrado o ano pasado en Ourense.

Outra das internacionais que tentará reter o título sobre a proba de salto de altura será Saleta Fernández, que se achega coa cuarta mellor marca do ano: 1.80 metros. 

Por parte masculina, a atención centrarase na participación nos 800 metros de Adrián Ben na loita directa polos metais. Outra posíbel medalla é a do venezolano con ficha na Galiza, Gerson Izaguirre, que resultou terceiro (sen medalla) na edición do ano pasado. 

En relación ao resto de participantes, salientan sobre os 60 metros a presenza da bimedallista paralímpica, Adi Iglesias, que, xunto a Javier García, lograban recentemente o título de campións da Galiza.

Continuando coa velocidade, Jacobo Soler estará sobre a saída dos 400 metros ao igual que sobre os 200 metros correrá Jorge Román Leiros.

Importante presenza en fondo e medio fondo

O medio fondo e fondo serán as especialidades que conten con máis galegas e galegos. Estará o internacional Elian Numa López, que compartirá distancia xunto a Adrián Ben.

Nos 1.500 correrán María Cedrón, Sara López, Zoe Michelle Odile. Amparo Corredoira e Pablo Bocelo. Nos 3.000 metros participarán Joselyn Brea, Medhi El Naboaui e Carlos Porto. Sobre os valos verasea a Claudia Rojo, Miguel Pérez e Santiago Rozas. No foxo de lonxitude competirán Sergio Coello e Raúl Cortizo

Por último, sobre as combinadas competirá Adolfo Saínz- Maza para tentar mellorar o sexto posto do ano pasado. Por parte feminina, debut no estatal de Andrea Reija, que logrou recentemente o título galego e que obtén, coa súa clasificación, unha xusta recompensa a súa gran progresión.

Comentarios