Abonad@s do Obradoiro estudan demandar polo veto ás bandeiras

Despois de obrigaren a retirar unha bandeira galega con estrela nun partido do Obradoiro CAB e prohibiren a súa entrada ao recinto, a resposta por parte d@s abonad@s afectados pode ser xudicial. O Clube asegura que as restricións viñeron por parte da policía.
Bandeiras na celebración do ascenso do Obradoiro este mesmo ano
photo_camera Bandeiras con estrela na celebración do ascenso

"Nunca pasou nada até xusto despois de gañar as eleccións o PP". Casualidade ou causalidade na opinión dun seareiro do Obradoiro, triste protagonista nas últimas xornadas pola retirada de bandeiras galegas con estrela nos partidos de baloncesto que se celebran no Multiusos Fontes do Sar. Conta que o primeiro incidente pasoulle ao seu fillo, menor de idade, despois de colocar a bandeira antes de comezar o partido. Aos poucos minutos un policía mandoulla retirar ameazando que se non o facía a multa podía superar os tres mil euros. Ese partido, contra o Cajasol, pai e fillo non estiveron con moitas alegrías como para animar ao seu equipo. 

O abonado: "Non nos deixaban entrar se non gardabamos as bandeiras e decidimos quedar na rúa"

O segundo incidente foi no encontro contra o Murcia e pasoulles a eles e a outr@s siareir@s na mesma entrada ao recinto. "Non nos deixaban entrar se non gardabamos as bandeiras e decidimos quedar na rúa". Este abonado agora pensa na posibilidade de poñer unha demanda polo que considera unha inxustiza. Non descarta que outras persoas na súa mesma situación, algunhas delas tamén tiveron problemas por levar a bandeira galega con estrela, fagan o mesmo. "Non entendo a reacción do clube nin a reacción da policía, non había ningún problema e estiveron a piques de causar incidentes", asegura.

O clube asegura que son ordes da policía

Postos en contacto co Obradoiro CAB unha fonte oficial asegurou que o clube "non mandou retirar as bandeiras" e que foi "decisión da policía despois das protestas dalgunhas persoas presentes no pavillón". A mesma fonte negou que houbera denuncias oficiais, como publicou algún outro medio, "só protestas verbais" o mesmo día do partido contra o Cajasol. "Nunca houbo problemas deste tipo, a restrición ven por parte da policía que nos asegurou que poderíamos ter unha multa se non se retiraban as bandeiras". Sobre a seguinte xornada na que se situaron controis nas portas para que non accederan bandeiras galegas "a restrición é por parte da propia policía".

O clube: "Nunca houbo problemas deste tipo, a restrición ven por parte da policía que nos asegurou que poderíamos ter unha multa se non se retiraban as bandeiras"

O BNG anima a ir aos partidos coa bandeira

Desde o grupo municipal do BNG, Rafa Villar indicou que non deixar entrar as bandeiras "é un despropósito". Asegura que tentou falar en varias ocasións co Obradoiro CAB mais sen resultado polo que "non asistiremos ao palco até que non se solucione a situación". O grupo nacionalista animou a asistir con este símbolo aos vindeiros partidos do Clube como o que se celebrará o vindeiro 16 de decembro ás 19:00 horas diante do Real Madrid.

Imaxe: Páxina de Facebook do Obradoiro CAB

Comentarios