venres 04/12/20

Aberto o prazo para participar no Plan de Patrocinio dos Equipos Galegos de Alta Competición

A primeira fase do plan vai dirixida ás entidades galegas que contan con equipos que competiron en modalidades ou especialidades deportivas de máximo nivel estatal en categoría absoluta ou sénior ou previa á absoluta onde as xornadas da súa competición se desenvolveron entre 2019 e 20
O deporte de alto rendemento é o protagonista destas achegas (Foto: COB)
O deporte de alto rendemento é o protagonista destas achegas (Foto: COB)

A Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte vén de abrir o prazo de solicitudes para participar na undécima edición do Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición.

Esta primeira fase do plan vai dirixida ás entidades galegas que contan con equipos que competiron en modalidades ou especialidades deportivas de máximo nivel estatal en categoría absoluta ou sénior ou previa á absoluta onde as xornadas da súa competición se desenvolveron entre 2019 e 2020.                                            

En total foron convidados un total de 99 equipos -48 femininos, 47 masculinos e 4 mixtos- e representan as modalidades de baloncesto, balonmán, baloncesto en cadeira de rodas, fútbol, fútbol sala, hóckey herba, hóckey patines, rugby, voleibol, tenis de mesa, hóckey liña, bádminton, espada e florete.

O prazo de presentación de solicitudes é do 15 ao 24 de maio. A contía destinada para esta primeira fase do plan será de máis de 2 millóns de euros.

"Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para este ano 2020, unha vez máis, todos os equipos obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego", sinalan desde a Secretaría Xeral para o Deporte.

Na segunda fase do plan, que comezará nos vindeiros meses, estímase que outros 113 equipos galegos de alto nivel sexan convidados a participar deste plan da Secretaría  Xeral para o Deporte.

En 2019 o Plan de Patrocinio Publicitario beneficiou a un total de 191 equipos en toda a Galiza (foron invitados ao programa un total de 213) sendo 100 equipos masculinos, 85 femininos e 6 mixtos. Tanto o orzamento total do plan, o número de equipos subvencionados e o número de equipos femininos están a experimentar un incremento constante desde a primeira edición do plan, na tempada 2008-2009.

comentarios