Balonmán

Abel González substituirá Prades á fronte do Atlético Guardés

O finalista copeiro de balonmán cambia de técnico.
O veterano preparador asturiano desenvolveu a maior parte da súa carreira en clubs da Galiza. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera O veterano preparador asturiano desenvolveu a maior parte da súa carreira en clubs da Galiza. (Foto: Atlético Guardés).

Abel González será o adestrador do Mecalia Atlético Guardés na tempada 2022/23. O club miñoto aposta por unha solución da casa para ocupar a vacante que deixa José Ignacio Prades tras seis tempadas á fronte do club. 

O técnico asturiano, até o momento, era o segundo adestrador, ademais do coordinador da canteira, e agora asume a responsabilidade de dar un paso adiante para estar á fronte do equipo na que será a súa primeira experiencia como adestrador na máxima categoría.

Non obstante, González xa tivo a oportunidade de probar esa sensación esta mesma tempada de forma interina, mentres  Prades estivo de baixa por unha intervención renal. Nese período González dirixiu ao Guardés en dous partidos de notable dificultade, e en ambos logrou a vitoria. Co asturiano como técnico principal o Mecalia superou na Sangriña Aula Valladolid (30-26) e Elxe (25-21).  

Nado en San Xoán da Area en 1966, o novo técnico guardés xa estaba no club antes da chegada de Prades, formando parte do corpo técnico de Manu Etayo. Xa baixo as ordes do actual seleccionador estatal conquistou o título de Liga en 2017. Anteriormente militara en África Ceutí (2004/05), Lalín, Porriño, Chapela, Bueu e Novás, facendo logo da súa fichaxe polo Mecalia en 2012 unha paréntese de tres anos para exercer como coordinador no Viveiro e seleccionador galego cadete feminino, até que regresou á súa casa a comezos desta tempada. 

João  Mesquita, renovado

Xunto a Abel continuará João Mesquita. O preparador físico portugués deixou unha gran impresión no seu primeiro ano na Guarda a pesar da súa mocidade -en agosto cumprirá 24 anos-, desenvolvendo un traballo que se evidenciou nos momentos da tempada con maior esixencia física, como o mes de novembro do pasado 2021 ou a recente fase final da Copa da Raíña, na que as xogadoras do sur da Galiza alcanzaron a última rolda. 

O rendemento e a ética de traballo do preparador do Porto levou á directiva a ofrecerlle a renovación para seguir á fronte dunha área de vital importancia no balonmán de elite que compatibilizou co seu labor na división masculina do club.

Xa que logo, a única incógnita que queda por despexar é o nome do segundo adestrador. Segundo informou o Guardés "tanto o club como o propio Abel" están "a traballar nese tema". "Un bo tramo do proceso está completo, e agardamos fechalo e poder anunciar quen é a persoa que acompañará o adestrador asturiano e o preparador físico portugués na aventura da tempada 2022/23 nos próximos días", engadiron fontes do conxunto galego.

Abel González, agradecido

O próximo ocupante do banco do Atlético Guardés manifestou "un agradecemento moi grande" pola oportunidade que se lle brinda, en especial "pola confianza de pensar que o vou facer ben". "Se non, non me proporían", apostilou cun sorriso.

Consciente de que aínda quedan tres partidos para terminar esta tempada, e centrado en achegar o máximo posible a José Ignacio Prades e ao equipo para acabar da mellor maneira, Abel desfíxose en eloxios cara o seu predecesor: "Foi un luxo contar cun mestre como el todos estes anos, e é unha mágoa que os nosos camiños se separen, pero penso que algún día poderemos traballar xuntos de novo".

Comentarios