Santiago Ferrer, adestrador de atletismo: "A tempada está perdida"

Santiago Ferrer Moreira é adestrador nacional de atletismo da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, e analiza como o confinamento a causa da pandemia do coronavirus afectou ao deporte e, máis en concreto, ao desenvolvemento da tempada atlética.

santiago ferrer
photo_camera Santiago Ferrer.

Nado en Poio en 1957, Santiago Ferrer Moreira é adestrador nacional de atletismo e colaborador do sector de lanzamentos da Federación. Na súa época como atleta chegou a ser internacional absoluto é, a día de hoxe, está considerado como un dos técnicos máis carismáticos e recoñecidos na Sociedade Ximnástica de Pontevedra tanto pola súa gran traxectoria como polos seus máis de 45 anos de vinculación coa entidade.

Como a todo o resto dos sectores, o confinamento a causa da pandemia do coronavirus afectou ao deporte, e en concreto ao desenvolvemento da tempada atlética.

Como afecta a corentena ás atletas?

Desde o meu punto de vista supón rachar co ritmo, así que podemos equiparala a unha lesión de longa duración, con todo o que iso supón para unha atleta. Partindo desa base, logo cada atleta ten as súas circunstancias.

Como adestrador, mandoulles exercicios ás súas atletas?

Si, e se non menten, sorpréndeme favorabelmente que a maioría estean a facelos.

Que clase de exercicios?

En principio, traballo xeral para todas, xa que esta pandemia xorde nun ciclo que chamamos segunda pretempada e, polo de agora, aínda descoñecemos a súa duración.

Pódese adestrar en condicións desde a casa?

Pódense facer cousas, dependendo da dispoñibilidade e ganas de cada un, pero nunca son as condicións ideais.

Ademais de tentar manterse en forma, tamén sería necesaria unha alimentación máis estrita, agora que estamos máis encerrados?

A alimentación sempre debe ser tida en conta, e máis agora. Non só en calidade, senón que tamén en cantidade, xa que o consumo diario debe ser menor debido ao confinamento.

Que sector atlético cre que é o que vai saír máis afectado do confinamento?

Creo que todos ven afectados por igual. Ao corredor fáltalle correr en distancias e os de forza explosiva (concursos) o ximnasio, a pesar de que todos necesitan adestrar de todo en maior ou menor medida.

Canceláronse todas as probas deportivas até novo aviso. No caso de que se retome a tempada este ano, as atletas deberían ter un período de pretempada?

Na miña opinión, a tempada regular está perdida; agora ben, na situación de que se retome, haberá que tratar cada caso individualmente, pois inflúen idades, disciplinas, o que se fixo até o de agora, etc.

Se se retomase, cree que as federacións de atletismo deberían baixar as marcas mínimas, xa que as atletas estarían en peor estado de forma ao non poder adestrar en condicións?

En categorías de menores non ten por que, e nas as maiores é máis complexo, pois inflúen os niveis, pero si se debe articular algunha forma para que non prexudique ás deportistas.

É partidario de manter a tempada ou de comezar unha nova?

Para dar continuidade a esta tempada tería que solucionarse en breve o confinamento, mais coa información da que dispoñemos non o vexo a curto prazo, polo que probabelmente teremos que ir pensando nunha nova.

Xa se coñeceu a nova data dos  JJOO de Tokio 2020, que lle parece que os pospuxeran ao ano que ven?

Resulta lóxico, o ben ou o mal é para todos, e debemos concienciarnos de que o está ocorrendo é moi serio.

Para finalizar, que mensaxe lle daría ás atletas do seu clube?

Que pensen en afrontar o presente para gozar do futuro. Como dixen ao principio é como recuperarse ben dunha lesión de longa duración, que é a mesma para todos. Paciencia!

Comentarios