A selección galega de fútbol praia feminino, campioas do Estado

As mozas da Irmandiña de fútbol praia fixéronse esta fin de semana co campionato español fronte ás murcianas. Galiza tórnase por vez primeira a mellor selección a nivel estatal nun deporte absoluto

photo_camera [Imaxes cedidas pola selección]

"É un éxito tremendo", salienta Pilar Neira, adestradora da selección feminina galega de fútbol praia. Notabelmente emocionada polo título conseguido esta fin de semana en Almería, Neira sinala con orgullo que "por primeira vez unha selección galega triunfa nun campionato de España". 

É é que a Irmandiña de fútbol praia, que acudía como novata, alzouse co título en Pulpí logo dun 4-3 contra a selección de Murcia. Pilar Neira asegurou en conversa con Sermos Galiza que embora "o clima fose desfavorábel" xunto coas condicións da area que complican o xogo fronte ao fútbol herba, Galiza ten "moita calidade" nas súas xogadoras o que lles permitiu dobregar ás murcianas. 

O triunfo conseguido polo noso país, sitúa Galiza entre as mellores seleccións nacionais --non oficiais-- neste deporte e prepara xa o vindeiro reto que se celebrará en 2014 en Canarias. Embora a situación económica dificulte as posibilidades das nosas xogadoras, encaran o campionato español do próximo ano con maior ilusión e co mantemento do título como obxectivo. 

"A ver se podemos ir", sinala a adestradora, ao tempo que se amosa preocupada polas capacidades da Federación galega para financiar o desprazamento da selección, habida conta, acrecenta, que "ao contrario que a Almería, non podemos ir en autocarro". Porén, Neira ten claro que @s responsábeis da Federación serán xust@s e que "se non hai cartos" ningún dos dous combinados participará "nin o masculino nin o feminino".

Pilar Neira: "Se nos deixan, as deportistas galegas facemos grandes cousas"

"O fútbol feminino é o grande esquecido"
A imprensa xeralista non abre páxinas de xornal coas vitorias traídas polas mulleres galegas. Pilar Neira asegura con rotundidade que "o fútbol feminino" é "o grande esquecido para a sociedade, os medios de comunicación e os patrocinadores" face ao masculino que di, "é o deporte rei". Aliás, engade, "o futbol praia xa é un deporte descoñecido" no noso país, o que o volve aínda máis minoritario. 

No entanto, Pilar Neira reivindica as enormes capacidades das deportistas galegas que, lembra, tiveron grandes resultados olímpicos, entre outras competicións. "Se nos deixan", sentenza, "facemos grandes cousas". 

Comentarios