EUROCOPA

A PREVIA DA EUROCOPA | 11 escoceses contra 83 millóns de alemáns

Escocia desafía a anfitrioa no partido inaugural da Eurocopa 2024.
Máis de 100.000 membros da 'Tartan Army' invadirán Alemaña ao longo da próxima semana. (Foto: Bradley Collyer / PA ).
photo_camera Máis de 100.000 membros da 'Tartan Army' invadirán Alemaña ao longo da próxima semana. (Foto: Bradley Collyer / PA ).

Rematou a longa espera. A Eurocopa de fútbol comeza esta sexta feira en Alemaña cun encontro entre a selección anfitrioa e Escocia ás 21 horas no Allianz Arena de Múnic, onde habitualmente actúa como local o FC Bayern.

O torneo continental regresa cun intenso calendario de 51 partidos que se estenderán até o 14 de xullo e nos que os 24 equipos participantes aspiran a elevar o listón alcanzado durante a pasada edición de 2021, caracterizada pola velocidade, a intensidade e un frenético ritmo de xogo que trazou un dramático contraste co que acontece desde hai anos na liga española.

 

Con todo, nin a Alemaña de Julian Nagelsmann nin a Escocia de Steve Clarke son dous conxuntos caracterizados polo jogo bonito, polo que as 75.000 persoas que de seguro ateigarán as bancadas do coliseo teutón e os millóns que seguirán o choque a través da televisión (na Galiza poderá seguirse integramente a través de TVE) non teñen garantido o espectáculo sobre o terreo de xogo nun duelo no que os locais son claros favoritos a facerse cos tres primeiros puntos en xogo no Grupo 'A'.

Die Mannschaft demostrou coas súas tres vitorias (ante Grecia, os Países Baixos e a todopoderosa Francia) e un empate (Ucraína) nos amigábeis preparatorios que, a pesar de acumular fracaso tras fracaso nas grandes citas desde o ano 2014, nesta ocasión todo pode ser diferente.

Pola súa parte, a escocesa, única nación sen estado que logrou a súa clasificación para a fase final da Euro, non exhibiu as mesmas prestacións, derrotando a sempre frouxa Xibraltar, asinando táboas con Finlandia e caendo contra Irlanda do Norte e os Países Baixos.

Non obstante, faría mal Alemaña en dar por segura a súa vitoria, pois o seu recente triunfo sobre España na fase de clasificación demostrou que a selección escocesa é capaz de pór contra as cordas a calquera.

Porque a combinación de veteranía e xuventude que logrou reunir baixo a súa dirección un Steve Clarke que xa leva cinco anos á fronte da Tartan Army chega cargada de moral logo de ser quen de  repetir presenza no torneo por primeira vez desde 1996, e, como di a canción viralizada no país ao longo destes últimos días ao ritmo da 'Mano de Dios' de Rodrigo Bueno, "sen Escocia non hai festa, e incluso se non gañamos, venceremos". 

Comentarios