A lesión de Hugo Mallo fai aínda máis dolorosa a derrota do Celta no Bernabéu

O Real Madrid, cun hat trick de Cristiano Ronaldo e un tanto de Khedira, non deu ningunha opción ao Celta no encontro de volta dos oitavos de final da Copa de El-Rei. A equipa celeste saiu ao campo engruñada, logo da decisión do seu treinador, Paco Herrera, de deixar no banquiño a dúas pezas esenciais no combo vigués, Borja Oubiña e o seu futbolista franquicia, Iago Aspas.

Na primeira metade, o Real Madrid, liderado por un Cristiano Ronaldo nun excelente estado de forma, desbordou a un Celta que nunca soubo achar o seu sitio sobre o relvado. Alén do máis, a equipa galega sofreu a lesión de Hugo Mallo, que se viu obrigado a abandonar en padiola após protagonizar un aparatoso choque de xeonllos con Cristiano Ronaldo.

No segundo acto, o Celta estivo máis entonado, sobre todo após a entrada en xogo de Iago Aspas, que si criou certo perigo. Mais o Real Madrid, mesmo con 10 futbolistas, findou por subir o 3-0 ao taboleiro de marcos co terceiro de Cristiano. O 4-0 selouno Khedira.

Comentarios