"Os xuíces viron un combate distinto". Con esta contundencia reaccionaba Enmanuel Reyes Pla na zona mixta do París Norte Arena após perder aos puntos a semifinal contra o azerí Loren Alfonso, moito máis pasivo e á defensiva que o púxil da Coruña, que se ben non tivo o seu mellor día si levou a iniciativa durante todo o combate.
Non poderá ser finalmente ese ouro que tanto ansiaba e polo que tan duro traballou nos últimos anos, pero a diferenza de Toquio o boxeador poderá voltar á casa cunha medalla, de bronce neste caso, colgada do pescozo. Unha medalla olímpica que lle sabe a pouco a un deportista tan ambicioso como Reyes Pla, pero que é a primeira non só no seu palmarés particular, senón para a historia do boxeo galego. Toca pensar xa en Los Angeles 2028.
A CONTRACRÓNICA | Unha de cal, outra de area e novos éxitos para o deporte galegohttps://t.co/LBNBf98ute pic.twitter.com/S8KLo4Rcdn
— Nós Diario (@NosDiario) August 4, 2024
Maior fortuna tivo este domingo o padexeiro Manu Ochoa, que un día máis voou sobre a canle de augas bravas do estadio náutico de Vaires-sur-Marne e gañou por folgura a súa serie da primeira rolda eliminatoria para meterse así de cheo nos cuartos de final.
O tomiñés, que chegaba a París como campión da Copa do Mundo de Praga de caiac cross, tenlle collido o tranganillo ao circuíto parisino e esta segunda feira con certeza gozaremos da súa velocidade na fase decisiva da competición. Non sorprendería velo ao remate da tarde loitando polas medallas na gran final.